Twitter elimina o selo de verificación de contas polémicas

xoves, 16 de novembro do 2017 Marcus Fernández

Dende Twitter están a ter unha seria crise de comunicación polo seu comportamento errático, e tras ampliar a lonxitude dos nomes de perfil até os 50 caracteres (modificación que non demandaba ninguén abertamente) como unha cortina de fume sobre a verificación da conta de Jason Kessler, organizador das polémicas protestas de Charlottesville nos EE.UU. e unha das cabezas visibles da extrema dereita estadounidense, agora aseguran que «borraremos a verificación de contas cuxo comportamento non cumpran as novas normas», ou sexa, que tomaron a absurda decisión de retirar o selo de verificación a Kessler e a outros prominentes membros da extrema dereita, no que supón unha clarísima contradición xa que tras a polémica dende Twitter aseguraban que o selo simplemente significaba a verificación da identidade e non podía interpretarse como un apoio por parte de Twitter ou un indicador de importancia (que é xusto como se está a entender agora mesmo).
Se ben a meirande parte dos usuarios de Twitter consideran que hai que tomar medias contra as mensaxes de odio (algo no que teñen fracasado estrepitosamente e incluso modificaron as súas normas para permitir que as figuras públicas poidan incluso lanzar ameazas de morte), a arbitrariedade coa que Twitter está a verificar usuarios tamén resulta moi molesta. Nos últimos meses houbo incluso varias compañías interesadas na adquisición de Twitter que botáronse atrás non polo estancamento do seu volume de usuarios, senón polas dificultades de ter que solucionar agora os problemas de xestión da comunidade que atópanse enquistados despois de tantos anos de inacción.

PUBLICIDADE