As Concellarías de Lingua e Mocidade de Ponteareas, dirixidas polos nacionalistas Fernando Groba e Miguel Bouzó, puxeron en marcha un novo certame co punto de mira nas redes sociais, concretamente nunha das máis empregadas pola xente nova dende o inicio da pandemia: a aplicación Tik Tok. O concurso diríxese a estimular a creatividade xuvenil a través da dita rede e con vídeos en galego con novos formatos e temáticas. Amais, preténdese dar visibilidade ao colectivo de tiktokeiras e tiktokeiras do concello de Ponteareas. No concurso #TikTokTea poderá participar a mocidade a partir de 13 anos.
As súas creacións serán valoradas por un xurado composto por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual ponteareán e nas redes sociais. Cada participante pode enviar un máximo de dous vídeos.
Para participar no certame, deberase enviar cada ao enderezo electrónico auditoriomunicipal@ponteareas.gal a ficha de participación cuberta e asinada, xunto co vídeo creado. O prazo de inscrición rematará o vindeiro 17 de febreiro de 2021.
Estabelécense dous premios de 100 € en cada categoría, un outorgado polo xurado e outro polo público.
Os concelleiros explicaron que os premios entregaranse nun acto público que se anunciará previamente no sitio web do Concello e nas súas redes sociais.
Os vídeos teñen que estar en lingua galega e deben ser de creación propia, a través da aplicación TikTok. Será obrigatoria a presenza da lingua galega, xa sexa de xeito oral, escrito ou musical. A duración de cada peza estará comprendida entre os 20 e os 60 segundos e nas gravacións realizadas en espazos públicos, débense respectar as medidas de prevención da COVID-19 existentes.
As pezas audiovisuais deberán estar relacionadas coa música, o espazo, a gastronomía, as tradicións, ou calquera outro elemento característico do concello de Ponteareas.
Ponteareas lanza un certame para mostrar o talento audiovisual da mocidade: o concurso #TikTokTea
Compartir Este Artigo

