O pasado mes de outubro Spotify anunciaba a superación da barreira dos 300 millóns de usuarios activos, sendo especialmente rechamante o feito de que tivese 144 millóns de usuarios de pagamento, e agora que presentan os resultados financeiros relativos ao 4º trimestre de 2020 vemos que a evolución continua a bo ritmo, chegando aos 345 millóns de usuarios activos e aos 155 millóns de subscritores.
De feito, non só medraría o número de usuarios, senón que a estratexia de Spotify dos últimos meses ratificaríase como atinada ao rexistrarse un maior consumo de podcasts dentro desta plataforma de audio en streaming (o 25% dos usuarios escoitarían podcasts, e o número de horas de escoita de podcasts sería de preto do dobre que hai un ano), o que para a compañía resulta especialmente beneficioso, xa que polos podcasts non ten que pagar dereitos de autor, como si acontece coa música.
No último trimestre de 2020 Spotify tería rexistrado un incremento de usuarios activos ao mes do 27%, e se miramos o crecemento de usuarios no cómputo anual temos que en 2020 gañaron 74 millóns de usuarios activos, cantidade aínda superior que os 64 millóns de usuarios que gañou en 2019, polo que este servizo estaría a ter un bo comportamento pese á situación sanitaria. Lembremos que os confinamentos poboacionais prexudican moito a servizos como Spotify, que resultan especialmente populares en dispositivos móbiles durante os desprazamentos (por exemplo, ao traballo ou aos centros de estudo).
Ante o escenario actual, Spotify pretende pechar o presente ano superando os 400 millóns de usuarios activos e con máis de 172 millóns de subscritores.
Spotify supera os 150 millóns de subscritores
Compartir Este Artigo
