O Concello de Vilagarcía de Arousa vén de activar un programa para captar investimentos e atraer novas actividades produtivas á cidade. Trátase do programa Invest In Vilagarcía, un dos piares sobre os que se asenta o Plan de Promoción e Recuperación Económica Vilagarcía 21. O miolo de Invest in Vilagarcía é unha páxina web que é, segundo o Concello, a súa principal ferramenta de traballo e canle de contacto cos potenciais investidores.
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e a concelleira de Promoción Económica, Alba Briones, presentaron as primeiras accións coas que comeza a andar o Invest In: a creación da páxina web (á que poden recorrer os investidores para coñecer todas as potencialidades e recursos da cidade) así como a posta en marcha da oficina virtual a través da que se ofrecerá a información, asesoramento e mesmo axuda na tramitación aos axentes que pretendan implantarse no noso municipio.
Briones explicou que a web pretende ser “a carta de presentación do noso municipio, describindo as características físicas e demográficas de Vilagarcía, a nosa localización, o ámbito de influenza no seo da comarca, as vías de comunicación, cales son os sectores produtivos existentes, as infraestruturas e recursos dispoñibles, a estrutura económica e produtiva, as potencialidades e outros moitos factores a ter en conta polas empresas, organizacións ou inversores á hora de apostar por onde implantarse ou investir”.
A concelleira comentou que esta ferramenta “está orientada tanto ao ámbito nacional como internacional, ao que tamén hai que mirar para atraer novas actividades que creen riqueza e xeren emprego”.
Na web ofrécese un listado das actividades existentes así como outra información de relevancia referida aos beneficios que se derivan de contar Vilagarcía cun Porto de Interese Xeral e unha estación de ferrocarril para o transporte de mercancías e materias primas, entre outros recursos e servizos de interese para as empresas.
Vilagarcía lanza web e oficina virtual para xerar e captar investimento e emprendemento
Compartir Este Artigo

