Co obxectivo de crear contornas de actividade online o máis seguras posibles para as nosas persoas maiores, o Goberno galego vai activar un programa formativo sobre comercio electrónico e consumo responsable. O programa foi dado a coñecer polo director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, trala sinatura dun convenio de colaboración coa Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors. A iniciativa, que desenvolverá o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), consta de oito obradoiros de diferentes temáticas nos que se prevé a participación de 2.500 persoas.
Os talleres impartiranse entre abril e setembro nas seguintes modalidades: telepresencial, mediante a propia plataforma de teleformación da Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (Ágora Canal Sénior); presencial, nas instalacións do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ou en entidades colaboradoras; e a través da videoteca tanto do IGCC como de FEGAUS.
As temáticas abordan consellos para mercar a través de internet, a factura da luz e o novo bono social, a telefonía móbil, as contas bancarias básicas, as tarxetas revolving ou os dereitos das persoas consumidoras e usuarias, e a resolución de conflitos de consumo a través da arbitraxe.
Amais, realizaranse outras actividades como o desenvolvemento dun portal global de contidos que, en palabras de Manuel Heredia, será “un punto de referencia na aprendizaxe sobre o consumo responsable para as persoas maiores”. Por outra banda, crearase unha rede de centros colaboradores e impartirase formación para as persoas voluntarias que colaboren con eses centros.
A Xunta formará a 2.500 persoas maiores en comercio electrónico e seguridade online
Compartir Este Artigo

