A área de Desenvolvemento Local de Lugo que dirixe a tenente de alcaldesa Ana González Abelleira creará oportunidades laborais para 16 mozas e mozos a través dun novo obradoiro de emprego. A formación Start IOT 5.0, que comezará o vindeiro mes de xullo e terá unha duración de 1 ano, ofrecerá dous módulos, de informática e comunicacións e de produción audiovisual. Achegaranse contidos teóricos e prácticos a 16 rapazas e rapaces lucenses con idades comprendidas entre os 16 e os 29 anos.
A duración dos obradoiros, que comezarán o vindeiro mes de xullo, é de un ano, tempo no que as e os asistentes estarán retribuídos co salario mínimo interprofesional (950 euros ao mes). “Unha remuneración que converte esta iniciativa non só nunha oportunidade formativa senón tamén nunha fonte de ingresos para todas estas persoas”, subliñou a edil.
A tenente de alcaldesa explicou tamén que o obradoiro, dotado cun orzamento de 390.492 euros e financiado en máis do 90% polo Fondo Social Europeo, ofrecerá dous módulos de temáticas diferenciadas con 8 prazas cada un.
Estarán centrados no desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web e na confección e publicación de páxinas web, respectivamente. Neles, abordaranse contidos como a xeración de documentos e compoñentes software que formen aplicacións informáticas en contornos distribuídos utilizando tecnoloxías web, partindo dun deseño técnico xa elaborado, realizando ademais a verificación, a documentación e a implantación dos mesmos e aprendendo a crear e publicar páxinas web que integren textos, imaxes e outros elementos, empregando linguaxes de marca e editores apropiados, entre outros aspectos.
“O obxectivo”, sinalou a concelleira, “é promover a sustentabilidade e a calidade no emprego ao tempo que propiciamos a integración da mocidade no mercado laboral, en particular da que non ten traballo e non está integrada nos sistemas de educación, procede de colectivos vulnerables ou corre o risco de sufrir algún tipo de exclusión”.
Ana Abelleira engadiu que o proxecto conta co apoio do tecido empresarial local e que os itinerarios formativos, deseñados polos técnicos municipais do CEI – Nodus, así como a experiencia laboral que obteña o alumnado, axústanse ás necesidades trasladadas polo sector, de maneira que “agardamos acadar unha porcentaxe elevada de inserción laboral posterior”, concluíu a concelleira.
Lugo fomentará a empregabilidade de 16 mozas e mozos con formación en informática
Compartir Este Artigo

