Dende hai meses está en probas YouTube Shorts, a resposta de YouTube a TikTok, que polo momento está a ter unha resposta bastante mala por parte dos creadores de contidos, como reflicte o feito de que a meirande parte dos vídeos compartidos neste formato estean creados e publicados orixinalmente en TikTok. Pero dende YouTube non se queren dar por vencidos, e anuncian que chegan os YouTube Shorts a España, o que parece un erro comunicación, pois España xa leva tempo no programa de probas, que agora dá un paso importante, xa que en vez de aparecer mesturados dos Shorts co resto de vídeos cando exploramos entre os contidos de YouTube no móbil, agora conta cunha pestana de seu na barra inferior da aplicación.
Dende YouTube aseguran que a beta de YouTube Shorts estará dispoñible de xeito xeral en España o 14 de xullo e inciden no feito de que crearon un fondo que repartirá 100 millóns de dólares en 2021 e 2022 entre os creadores que tiren proveito deste formato audiovisual, aínda que polo momento non detallan como compensarán aos creadores de contido nin as opcións de monetización que ofrecerán.
Os YouTube Shorts son basicamente vídeos curtos en formato vertical, que poderán coller o audio doutros Shorts ou de vídeos longos publicados en YouTube, e que poden elaborarse de xeito doado co móbil empregando certas ferramentas de control (de xeito que poden realizarse varias tomas, gravar con música, axustar a velocidade…). Amais, ultimamente tamén incorporar a posibilidade de engadir texto en momentos concretos dos vídeos, engadir subtítulos de xeito automático, gravar ata 60 segundos, poder engadir vídeos da galería do móbil e engadir filtros básicos de corrección de cor (no futuro contarán con moitos máis efectos).
Sobre a integración da música nos Shorts, YouTube chegou a acordos con máis de 250 discográficas, de xeito que hai millóns de cancións dispoñibles para a súa incorporación nos vídeos que creemos neste formato que vai ter moi complicado conseguir popularidade cando TikTok xa está tan consolidado e nin sequera Instagram foi capaz de roubarlle usuarios cos seus Reels.
YouTube potencia a súa alternativa a TikTok
Compartir Este Artigo
