Hai un par de anos soubemos que a compañía israelí NSO Group estaba a aproveitar un fallo de seguridade de WhatsApp para introducir en numerosos smartphones de todo o mundo a súa solución de software espía chamada Pegasus, que incluso podería terse empregado por parte de autoridades españolas para espiar a activistas, políticos e xornalistas relacionados co independentismo catalán.
Naquel momento estimábase que Pegasus podería terse instalado en preto de 1.500 terminais de todo o mundo, pero novas filtracións suxiren que dende 2016 NSO tería estado espiando máis de 50.000 números de teléfono, no que debería terse limitado a operacións contra o crime e o terrorismo, pero que finalmente vese que afectaba a un volume moi importante de activistas, xornalistas, avogados, empresarios, políticos, altos executivos…
Aínda que o número de afectados en España sería bastante limitado (en toda Europa só vixiarían a pouco máis dun milleiro de números, dos que a maioría estarían en Francia), nalgúns países a cousa tería sido realmente alarmante, con máis de 15.000 números espiados en México, máis de 10.000 números en Marrocos (o que dá a entender os poucos escrúpulos que ten o NSO Group de cara aos dereitos humanos) e máis de 10.000 nos Emiratos Árabes.
Dende NSO Group negan as acusacións feitas polo consorcio de medios de comunicación que están a investigar o impacto de Pegasus, asegurando que a listaxe de números de teléfono filtrados non se corresponde cos obxectivos do seu software espía. Esta defensa de NSO tampouco parece ter moito sentido, xa que a compañía non é a que opera os seus produtos de espionaxe, xa que son os seus clientes os que fan tal, e vese que non teñen reparos en comercializar este tipo de ferramentas (consideradas como armas por algúns gobernos) a compañías privas e a gobernos autocráticos.
Desvelan que o software Pegasus podería ter espiado a máis de 50.000 persoas
Compartir Este Artigo
