Microsoft está a anunciar a nova grande actualización de Windows 11, que comeza a distribuírse estes días, e que como principal novidade ten que incorpora a Amazon Appstore nos EE.UU., de xeito que facilita a instalación doada de aplicacións para Android dentro de Windows. A actualización tamén inclúe melloras na barra de tarefas e o redeseño do Reprodutor Multimedia e do Bloc de Notas.
No que se refire á tenda de aplicacións de Amazon integrada en Windows 11, estamos ante unha aplicación aínda preliminar, que conta actualmente con máis dun milleiro de aplicacións que poden instalarse no ordenador como se fose un dispositivo con Android, estando o catálogo de aplicacións dispoñibles limitado en boa medida para facilitar a instalación de aplicacións que funcionen correctamente nun PC, pois non todo o software responde correctamente a un contorno de escritorio controlado principalmente por teclado e rato en vez de por unha interface táctil.
A barra de ferramentas tamén se actualiza para facer máis doada a xestión das aplicacións que estamos a empregar, e centra parte dos seus cambios a equipos que fan uso de varias pantallas á vez. Tamén inclúe interesantes funcións para silenciar e compartir fiestras dende a barra de tarefas, pensando así nos contornos nos que os usuarios se comunican empregando Microsoft Teams.
A renovación do Reprodutor Multimedia do sistema operativo tamén é un cambio moi visible, facendo doada a reprodución da nosa música (a nova aplicación substitúe a Groove Música); e o Bloc de Notas modifica o seu deseño e incorpora o modo escuro, conseguindo así unha maior integración no sistema operativo.
Windows 11 avanza cara á compatibilidade con aplicacións para Android
Compartir Este Artigo

