Este luns 21 de febreiro presentáronse tres novos espazos de traballo de colaborativo na provincia de Ourense, destinados a impulsar novos xeitos de crear emprego e empresas e combater a crise pandémica e o despoboamento, amais de fomentar a transformación e a innovación. Os novos coworkings de Valdeorras (A Rúa), da Mancomunidade do Carballiño (Irixo) e do Parque Tecnolóxico de Galicia – A Tecnópole (San Cibrao das Viñas) están neste intre co prazo de solicitudes aberto. Segundo fixo saber o conselleiro de Economía na presentación, Francisco Conde, teñen garantido o seu éxito con preto de 60 proxectos xa inscritos. Tamén fixo saber que nesta convocatoria hai un total de 11 coworkings impulsados polo seu departamento activos en toda Galicia. Catro deles activáronse este ano, tres en Ourense.
Tal e como explicou o responsable de Economía, Empresa e Innovación, a idea é que o número de proxectos en cada coworking se sitúe entre 16 e 22, adiantando que no espazo que se vai desenvolver na comarca de Valdeorras xa hai 18 inscritos; 20 na Mancomunidade do Carballiño e 19 na Tecnópole.
Conde tamén puxo o foco en que trala realización das cinco edicións anteriores desta iniciativa que se leva a cabo en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), frutificaron na provincia de Ourense un total de 89 empresas, e creáronse 122 empregos. A nivel galego, engadiu, “un 54% dos proxectos que pasaron polas diferentes edicións dos coworkings que se foron convocando consolidáronse como empresas, o que nos deixa un total de 384 novas iniciativas, que permitiron a creación de 624 empregos en municipios localizados no rural, favorecendo a cohesión social e territorial”. Tamén salientou o feito de que case a metade dos participantes nas diferentes edicións que se convocaron destes espazos de traballo colaborativo foron mulleres, en concreto 489, algo que, tal e como sinalou Conde, “tamén anima a proseguir con esta iniciativa, e con outras medidas dirixidas máis concretamente a impulsar o emprendemento feminino, como o novo programa de capacitación dixital que se vén de poñer en marcha e no que van poder participar máis de 10.000 mulleres no rural galego”.
A conselleiro destacou que a rede de espazos de coworking está aberta a todo tipo de proxectos, e que ao mesmo tempo presta especial atención a ámbitos como o turismo (na sede de Vilanova de Arousa, na comarca do Salnés); o deseño e as novas tecnoloxías (Ferrol); o Camiño de Santiago (en Palas de Rei); o alimentario e a loxística (na Ribeira Sacra); e o audiovisual (en Santiago de Compostela). Tamén haberá un novo espazo coworking no Deza (Lalín), e repiten A Mariña (Mondoñedo); e A Costa da Morte (Cabana de Bergantiños).
Presentados os tres novos centros de coworking co-impulsados por Economía en Ourense
Compartir Este Artigo

