A Cámara de Santiago organiza en marzo e abril unha actividade formativa para axudar á mocidade emprendedora a tirar proveito das moitas posibilidades de negocio que abren os vehículos aéreos non tripulados. O curso Drons e Emprendemento é de balde e desenvólvese entre os días 14 de marzo e 29 de abril. Ten financiamento da FSE e a Fundación INCYDE, en colaboración coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
A Cámara de Santiago lembra que o sector dos drons e un eido de actividade que está a medrar de xeito exponencial, existindo importantes posibilidades de actividade e negocio en ámbitos tan dispares como a agricultura, o medio ambiente, a vixilancia e as reparacións industriais, entre outras. “Porén, non hai”, explica a entidade cameral, “un desenvolvemento adecuado dos coñecementos destas tecnoloxías nin de persoas preparadas para poder acometer o aumento de demandas de emprego, tanto por conta allea como por conta propia”. A cubrir estas eivas de forma altamente especializadas dedícase este programa de drons que terá unha duración de 7 semanas.
Os obxectivos son “fomentar e impulsar a participación e a inclusión social e laboral dos mozos que contribúan á súa formación e desenvolvemento laboral a fin de incorporarse ao mercado de traballo e adaptarse ás novas esixencias do mercado”.
Tamén, “incrementar a actividade emprendedora entre a mocidade” e “ofrecer itinerarios holísticos, desde a sensibilización ata o acompañamento nos primeiros meses da actividade empresarial, complementarios a outros programas e servizos existentes, e adaptados ao perfil das persoas destinatarias”.
O curso vai dirixido a participantes menores de 30 anos que non se atopen empregados nin participen nos sistemas de educación ou formación e estean inscritos en Garantía Xuvenil.
Os drons e as súas posibilidades de emprendemento centran un novo curso da Cámara de Santiago
Compartir Este Artigo

