Este martes 1 de marzo presentouse a serie documental Museo a ceo aberto, realizada pola cooperativa O Cable Inglés ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22. Estruturada en sete capítulos dunha duración de 20 minutos, esta serie mapea as principais mostras de arte urbana de Galicia, onde nos últimos anos foron xurdindo artistas, iniciativas e eventos que conseguiron xerar auténticas transformacións na paisaxe urbana das cidades, creando, literalmente, museos a ceo aberto. Na presentación participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Segundo se fixo saber no acto ante os medios, Museo a ceo aberto é unha oportunidade inmellorable para achegarnos a un movemento creativo de transformación urbana que está a experimentar unha importante revolución na nosa terra, non só como elemento artístico e estético contra o feísmo, senón tamén como recurso turístico e dinamizador dende o punto de vista cultural e xuvenil.
A serie consta como dixemos de 7 capítulos máis un vídeo-resumo. Neles convérsase con artistas e colectivos que promoven eventos de referencia no país e establécese un diálogo entre manifestacións artísticas directamente ligadas á arte urbana.
Canda Valentín García tamén estiveron presentes a guionista da serie documental, Marián Fernández, e Cristina Labandeira, ambas as dúas membros da cooperativa O Cable Inglés.
A serie está dispoñible no Portal da Lingua Galega e na canle de Youtube da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
No Portal da Lingua unha serie que mapea as principais mostras de arte urbana de Galicia
Compartir Este Artigo

