Coa mensaxe «liberouse o paxaro» Elon Musk anuncia que completou a accidentada compra de Twitter, horas despois de lanzar un comunicado dirixido aos anunciantes de Twitter no que insiste en que a súa adquisición está motivada polo feito de que considera que Twitter «é importante para o futuro da civilización» a xeito de ágora, asegurando que na actualidade as opinións políticas polarízanse en cadansúa cámara de eco provocando unha sociedade máis dividida e con máis odio.
Musk sostén que moitos medios favoreceron a polarización política, pois consideran que iso achégalles máis visitas (ou sexa, xera máis cartos), algo que non persegue con Twitter, preferindo abrir o diálogo entre todo tipo de usuarios, aínda que detallando que continúa a ser preciso respectar as lexislacións de cada territorio (polo que o que se diga pode ter consecuencias). Neste contexto considera que Twitter pode converterse nunha plataforma para a publicidade relevante, que poida verse como contido en vez de como lixo.
O primeiro que se soubo tras completarse a compra de Twitter é que o director xeral da compañía, Parag Agrawal, e o director financeiro, Ned Segal, deixan a compañía; sabéndose logo que a máxima responsable do equipo legal, Vijaya Gadde (quen tomara a decisión de suspender permanentemente a conta de usuario de Donald Trump), e o conselleiro xeral Sean Edgett, correrían a mesma sorte, chegando a asegurarse que cando menos un dos executivos despedidos foi escoltado fóra das oficinas de Twitter.
Que Musk mudaría a dirección de Twitter era algo evidente, pero o xeito de realizar o cambio resulta bastante brusco, o que parece responder basicamente á mala relación do novo propietario cos directivos durante o proceso de adquisición da compañía, que supuxo o pagamento de 44.000 millóns de dólares e Musk veuse forzado a pechar para evitar un xuízo que podía prexudicalo.
Elon Musk completa a compra de Twitter
Compartir Este Artigo
