O fundador de Quobis, Iago Soto Mata, leva uns meses embarcado na elaboración dun blog no que recolle a historia da telefonía en Galicia entre os anos 1877 e 1917, para o que está a somerxerse en arquivos e hemerotecas, salientando que e nestas últimas onde pode atoparse a meirande parte da información a través das novas publicadas na prensa escrita, xa que a que sería a fonte de información que sería desexable, o arquivo do Ministerio de Gobernación (do que dependía a dirección de Correos e Telégrafos, e que recollía as concesións de redes urbanas e aprobación de redes privadas) perdeuse no lume do Arquivo Xeral Central de Alcalá de Henares en 1939.
Temos así que as fontes máis relevantes para consolidar unha historia da telefonía en Galicia é a hemeroteca dispoñible, destacando Iago Soto o caso das páxinas web do Faro de Vigo e La Voz de Galicia, así como os xornais dixitalizados en Galiciana e algunha referencia na hemeroteca dixital da Biblioteca Nacional de España e na homóloga do Ministerio de Ciencia.
No caderno dixital da Historia da telefonía en Galicia atopamos detalles como quen foron os posuidores das primeiras liñas telefónicas en Galicia, a primeira chamada telefónica en Galicia (datada en 1878 polo diario coruñés El Comercio Gallego, e que tería comunicado A Coruña e Ferrol), a prohibición de falar en galego nas chamadas telefónicas e, como detalle especialmente rechamante, o caso da empresa de autocares La Regional, que podería considerarse innovadora ao ser a primeira telefonía móbil (que non sen cables) de Galicia.
Até o momento o blog leva 43 entradas, prevendo que serán precisas outras 30 máis para cubrir todo o relevante entre 1877 e 1917.
Un blog recolle a historia da telefonía en Galicia ata 1917
Compartir Este Artigo
