Non conforme co rebumbio formado polo restablecemento da conta de Twitter de Donald Trump, Elon Musk repetiu a xogada con outra enquisa a través da que fixo oficial unha amnistía xeral ás contas suspendidas agás que estivesen involucradas en spam ou fosen ilegais, ou sexa, de devólvelle a voz ao peor de Twitter: usuarios que na meirande parte das ocasións promovían discursos de odio (algo que é ilegal, pero que non chegou a declararse así oficialmente xa que a plataforma expulsou aos usuarios ante as súas condutas tóxicas evidentes, evitando así que un tribunal puidese considerar á plataforma responsable por inacción), o que sen dúbida vai contribuír ao empeoramento da comunidade.
Resulta especialmente rechamante que se restauren contas de usuarios perigosos á vez que se reduce o número de traballadores que se encargan de moderar os contidos, o que provoca que as condutas contrarias ás normas de Twitter carezan de moderación efectiva, e algún informe chegue a estimar que só o 1% das mensaxes racistas publicadas en Twitter retíranse da plataforma tras ser denunciadas, o que confirma a grande carencia de moderadores humanos que hai actualmente.
A situación actual non parece que faia mudar rápido, xa que esta mesma semana sóubose que, aparte das numerosas renuncias que houbo a semana pasada, Musk tamén realizou ducias de despedimentos, e está a adoptar unha política de pagamentos bastante cuestionable (rexeita pagar a provedores e moitos outros gastos comprometidos antes da súa chegada á empresa, e insta aos traballadores a renegociar contratos para reducir custos).
Pero esta situación caótica non está a resultar allea para os reguladores, e o comisario europeo de Xustiza, Didier Reynders, xa tivo unha xuntanza con persoal de Twitter para lembrar á compañía que teñen que cumprir a lexislación europea evitando os discursos de odio, loitando contra a desinformación e exercendo certos labores de moderación que non parece que se estean a dar actualmente. De feito, é imposible que actualmente Twitter poida cumprir coa lexislación europea xa que despediu a todos os traballadores da súa oficina en Bruxelas, de xeito que non hai unha canle de interlocución efectiva entre as autoridades europeas e Twitter.
De continuar na mesma liña Twitter exponse a importantes sancións, que poderían ser simplemente económicas ou chegar a provocar o bloqueo de Twitter para os usuarios europeos, o que sería realmente dramático, polo que é de esperar que nas vindeiras semanas Musk recapacite e actúe con responsabilidade que debe aos usuarios.
Lembran a Twitter que ten que cumprir coas leis europeas
Compartir Este Artigo
