Instagram está a preparar un conxunto de novidades que pretenden ter un alto impacto nos vindeiros meses, xa que incrementan considerablemente as posibilidades desta plataforma social, competindo con outros servizos dun xeito bastante directo, no que semella unha táctica de Meta para manter posicións de mercado.
Unha das cousas que está a activar Instagram son as Notas, publicacións de ata 60 caracteres (texto e emoticonas) que podemos publicar dende a parte superior da nosa bandexa de entrada de mensaxe privadas, e que manteranse visibles para os nosos seareiros ou persoas achegadas durante 24 horas. Podería considerarse como un xeito máis discreto de comunicarse como alternativa ás historias, converténdose as respostas a estas Notas en mensaxes directas.
O adhesivo Ahora Tú das historias tamén evoluciona, de xeito que están a probar a opción de poder convidar aos amigos a participar neste formato de creación colaborativa.
Outro elemento en probas serían as historias denominadas Candid, nas que buscarían reflectir o que o usuario está a facer no momento actual, ou sexa, unha copia cun descaro total do formato popularizado pola aplicación BeReal. Dado que este formato insta aos usuarios a facer unha publicación diaria, quen considere que resulta molesta poderá desactivar as notificacións para a publicación deste formato que tamén están a tentar introducir nas historias de Facebook.
Outro cambio significativo sería relativo aos grupos, xa que non se limitarán a conversas grupais, senón que en breve será posible que se xunten varios usuarios nun grupo de xeito que terán un perfil conxunto no que poder publicar contidos (tanto publicacións como historias) que só verán os membros do grupo. Tamén están a probar a posibilidade de crear coleccións colaborativas en grupos e mensaxes directas, facilitando compartir publicacións con amigos en privado.
Instagram prepara novos xeitos de interactuar e copia a BeReal
Compartir Este Artigo

