A analítica de datos é unha aliada de enorme interese para optimizar a xestión das pemes e micropemes en diversos eidos. Así o asegurou este mércores 29 de novembro Manuel Balseiro, director da área TIC do Grupo Alvariño, no marco da conferencia Como aplicar a intelixencia do dato par a xestión das pemes dentro do ciclo Constrúe o teu futuro na era dixital da iniciativa dixital hubNET, liderada pola Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
Balseiro repasou o contexto tecnolóxico no que se moven actualmente os emprendedores e as pequenas e medianas empresas, que “teñen que adaptarse nun período de tempo moi curto ao salto desde a era pre-dixital, marcada polos soportes documentais fixos, o traballo manual e a análise de datos sinxelos; á era actual, a da Intelixencia Artificial e a Aprendizaxe Automática, caracterizada por unha análise de datos sen precedentes, onde a tecnoloxía dispoñible permite predicir tendencias, personalizar as experiencias dos clientes e optimizar as operacións, achegando ás empresas que integran estas ferramentas dixitais unha vantaxe competitiva clave”.
Balseiro apuntou que a Business Intelligence (BI), o conxunto de técnicas de xestión empresarial que permiten tomar decisións a partir da recompilación e o tratamento de datos diversos, é o presente, pero pronto será o pasado, “nun escenario de futuro marcado polo Business Analytics (BA), que implica o uso de ferramentas de análises de datos (minería, estatística, modelos preditivos,…) para reducir riscos de calquera negocio axudando á toma de decisións informadas”.
Segundo dixo, “a análise dos datos permite ás empresas tomar mellores decisións, unha accesibilidade de datos para todos os negocios, a resolución efectiva de problemas, a avaliación do rendemento e a mellora das estratexias de mercadotecnia e vendas, entre outras vantaxes”.
O director da área TIC do Grupo Alvariño, advertiu, con todo, das desvantaxes que afrontan as micropemes e pemes no aproveitamento destas tecnoloxías para a mellora da súa xestión. “A principal barreira”, comentou, “pasa pola escasa dixitalización, nun contexto no que só o 17% das pequenas e medianas empresas integraron con éxito as tecnoloxías dixitais no seu negocio”. Fronte a este dato, puntualizou, “as grandes empresas na maioría dos sectores alcanzan un nivel de dixitalización do 54%”.
Doutra banda, tamén apuntou que ningún sector de actividade alcanza o 10% de uso das tecnoloxías de analítica de datos. Neste sentido, apelou á necesidade dun cambio cultural, pero tamén culpou a responsabilidade de eivas básicas como a falta de ferramentas dixitais axeitadas, de estruturas para almacenar e manter os datos, ou prexuízos como a preocupación pola xeración de ingresos, ou a crenza de que se requiren coñecementos técnicos ou ferramentas complexas. Balseiro asegurou que todas estas barreiras poden salvarse desde as pequenas e medianas empresas.
O experto explicou a importancia que ten a Intelixencia Artificial na analítica de datos, con ámbitos de aplicación como a automatización de procesos e tarefas, a predición da demanda, a personalización da experiencia do cliente, a optimización da loxística, a mellora na toma de decisións ou a mellora na calidade de produtos e servizos.
Tamén puxo exemplos prácticos baseados en casos reais de pemes que explican como aplicar a analítica de datos á toma de decisións estratéxicas, a optimización de procesos internos, a planificación, a mercadotecnia ou a mellora da comprensión de que é o que está a demandar do cliente. Así mesmo, abordou ferramentas de referencia para a analítica de datos ao alcance das empresas, como Google Analytics, Grow, Powe BI, Qlik, Sisense, Minitab, Tableau ou Alterix.
Manuel Balseiro debulla as vantaxes para as pemes da analítica de datos nunha nova xornada de hubNet
Compartir Este Artigo

