
Segundo explica SIVSA, trátase do primeiro proxecto da tecnolóxica galega no país, que xa conta cun forte posicionamento no Perú, onde preto de unha vintena de centros sanitarios públicos e privados xestionan toda a información e procesos administrativos con esta avanzada solución tecnolóxica.
Os traballos de implantación de HOSIX completáronse xa no recentemente inaugurado Hospital MiniMed, que abriu as súas portas a principios do mes de febreiro con categoría de nivel 3 de atención, e que brinda servizos de alta especialización e complexidade.
Durante os próximos meses e de forma progresiva ao longo deste ano, SIVSA continuará a posta en marcha de HOSIX nas 12 clínicas de atención primaria que a franquía sanitaria posúe na cidade de Panamá, así como nas outras dúas coas que conta no país, unha en Chorrera e outra en Colón, capital da provincia do mesmo nome.
A instalación da solución tecnolóxica de SIVSA permitirá a MiniMed centralizar nunha única ferramenta a xestión de todos os procesos hospitalarios e administrativos das súas 14 clínicas e hospital (farmacia, administración, urxencias, citas, facturación…), así como integrar nunha historia clínica única a información de cada paciente para dispoñer de toda a información, cando sexa preciso e indistintamente da clínica na que sexa atendido. Isto, explicaron fontes da empresa galega, “permitirá axilizar os trámites administrativos e os tempos de espera, reducir os erros humanos derivados de procesos manuais ou en papel, así como aforrar custos grazas á automatización de procesos”. Tamén “optimizar os procesos e os fluxos de traballo, logrando unha maior operatividade e eficacia no traballo diario e os máximos niveis de atención e calidade asistencial que MiniMed busca no seu servizo de saúde desde que abrise a súa primeira franquía no país hai 12 anos”.
A solución tecnolóxica de SIVSA permite a conexión con sistemas HIS (Hospital Information System) de terceiros, tanto públicos como privados, a través dos protocolos de comunicación máis modernos como é o FHIR (Fast Healthcare Interoperatibity Resources), o estándar desenvolvido e promovido por HL7 Internacional (Health Level Seven), unha das máis prestixiosas organizacións de informática médica a nivel mundial. “Isto fai posible a creación dunha Historia Clínica Electrónica Única, que recolle toda a información do paciente, con independencia do lugar onde fose atendido: desde probas de laboratorio e raios X a diagnósticos ou prescrición de medicamentos”, apuntaron fontes de SIVSA, engadindo que a integración de HOSIX en toda a rede de clínicas Minimed “suporá a unificación de toda a información clínica nun único repositorio, o que achegará aos profesionais sanitarios unha maior seguridade e comodidade no seu traballo ao dispoñer de todos os antecedentes dos pacientes e contar con acceso total á súa información clínica a través do portal de paciente”.
A implantación de HOSIX na rede sanitaria de Minimed completarase, ademais, nunha segunda fase do proxecto, co sistema integral de telemedicina de SIVSA, o que a converterá na primeira compañía de Centroamérica en ofrecer servizos de hospital virtual, de atención primaria a domicilio e de atención médica a través do móbil.
Así, Minimed estará en disposición de realizar probas diagnósticas a distancia, visualizalas online ou gravalas na historia clínica do paciente, ademais de prestar atención sanitaria mediante videochamada, o que lle permitirá expandirse e dimensionar os seus servizos de saúde sen necesidade de incrementar a súa estrutura hospitalaria e mellorando a súa eficiencia de custos.
Ademais da implementación do HIS de HOSIX, o proxecto contempla tamén a integración dos módulos relativos ao Sistema de Xestión de Imaxes ou de información radiolóxica (polas súas siglas en inglés, Radiology Information System, RIS), do arquivo e comunicación de imaxes (PACs) e de LIS (Laboratorios).
Os sistemas RIS e PACS, cada vez máis necesarios nos servizos de radioloxía modernos, supoñen a informatización de toda a información radiolóxica dos pacientes de MiniMed e o seu almacenamento para calquera consulta. Desde o proceso de citación, a petición de probas, os estudos informados do radiólogo ata o informe de resultados final, facendo posible tamén a identificación de todos os profesionais que interveñen nas probas diagnósticas.
Pola súa banda, o módulo de laboratorio de HOSIX permite xestionar de forma completa este servizo, desde a configuración, petición ou control de probas ata a xeración de estatísticas ou resultados, mediante un sistema de regras intelixentes totalmente definibles polo usuario e para calquera nivel de actuación.
“A implantación de HOSIX nas clínicas e o hospital de MiniMed supón un avance no plan de expansión internacional de SIVSA, que xa conta con presenza en máis de 100 hospitais de 6 países”, conclúen dende a empresa galega.
SIVSA medra no continente americano coa súa expansión en Panamá
Compartir Este Artigo

