Vodafone España fixo balance da súa presenza no mercado español da Internet das Cousas, ámbito no que a operadora superou os 7,37 millóns de liñas activas de IoT ao 30 de xuño de 2024, o que sitúa a empresa como líder nun segmento que integra conectividade e servizos en sectores estratéxicos.
Vodafone alcanzou un crecemento do 27,7%, con 1,6 millóns de liñas IoT activadas entre xullo de 2023 e xuño de 2024. Esa tendencia acelerouse con 805.941 novas liñas de IoT gañadas só no último semestre (xaneiro-xuño de 2024), como resultado da “estratexia de diversificación de produtos e servizos IoT” que a operadora puxo en marcha nos últimos anos. No balance faise saber que a día de hoxe, a compañía integra a tecnoloxía IoT en sectores como a seguridade e as alarmas conectadas, a banca a través dos medios de pago, os operadores loxísticos, as frotas conectadas, as enerxías renovables, a agricultura, a xestión de Cidades Intelixentes, os residuos ou a xestión integral de auga e electricidade ou os servizos asistenciais, entre outros.
No ámbito das subministracións urbanas, destaca o acordo ao que Vodafone España chegou con Aqualia, o maior operador privado de España de servizos relacionados coa auga, para dixitalizar o ciclo de xestión da auga, que implicará a conexión á rede NB-IoT de máis de 1 millón de contadores de auga durante os cinco primeiros anos do contrato. Tamén neste ámbito, Vodafone adxudicouse o maior dos catro lotes do contrato co que Canal de Isabel II adquiriu contadores de auga con conectividade NB-IoT e servizos de telecomunicacións para a súa telelectura automática por un importe de máis de 25 millóns de euros. Este contrato supón a subministración de 315.000 contadores de auga e a despregadura da súa conectividade IoT durante os próximos 5 anos. “A dixitalización deste proceso”, explicou Vodafone, “ofrece aos usuarios un mellor coñecemento dos usos da auga e da eficiencia no uso desta, incrementar a transparencia na xestión da auga, contribuír á mellora en aspectos ambientais e xerar emprego de alta cualificación técnica”.
Vodafone España lidera o eido IoT con 7,4 millóns de liñas activas
Compartir Este Artigo

