Este sábado 27 de xullo celebrouse no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra (USC) o acto de graduación da segunda promoción de alumnos e alumnas do Grao en Robótica.
Segundo confirmaron fontes da USC, a maior parte das e dos estudantes xa contan con ofertas laborais en empresas ligadas a un dos ámbitos produtos de meirande proxección presente e futura: a Intelixencia Artificial. “Todo o alumnado graduado do ano anterior foi xa contratado”, sinalou o coordinador do grao, Roberto Iglesias, confirmando que a robótica é un dos eidos con máis demanda profesional a día de hoxe.
O docente tamén fixo saber que a través deste título fórmase aos estudantes en competencias de hardware e de desenvolvemento de Intelixencia Artificial e programación, afondándose no último treito da formación en todo o que ten que ver coa creación de diferentes tipos de robots: de servizo, aéreos, industriais ou móbiles.
Na cita participou tamén o deputado de Promoción Económica e Social (Deputación de Lugo), Pablo Rivera Capón, que felicitou aos graduados e destacou o compromiso que mantén a institución lucense co ensino superior público. “Somos a administración provincial de España que máis parte do seu orzamento dedica a convenios e proxectos coa universidade pública”, avanzou. Así mesmo, o deputado recalcou que nunha sociedade en constante evolución “a robótica xoga un papel fundamental na automatización de procesos industriais ou na creación de solucións para mellorar a calidade de vida das persoas”.
Remata os seus estudos o alumnado da 2ª promoción do Grao de Robótica da USC
Compartir Este Artigo

