Os campamentos tecnolóxicos organizados este verán polo Concello de Carballo en colaboración da Fundación Esplai en Galicia chegaron ao seu remate. Grazas ao proxecto CRI-TIC, unha trintena de nenos/as e adolescentes do concello bergantiñán puideron acudir durante todo un mes á Aula CeMIT para mellorar as súas competencias dixitais, coñecer as ferramentas precisas para usar a tecnoloxía de xeito responsable e consciente, previr as adiccións ás novas tecnoloxías ou identificar e previr o acoso a través da Rede, e todo iso, informou o Concello, “desenvolvido dun xeito moi lúdico”.
Ademais, nas sesións diarias impartidas pola monitora Irene Ferreira puideron entrar en contacto coa Intelixencia Artificial e a robótica, entre outros contidos.
O proxecto CRI-TIC, Infancia e mozas con criterio dixital, é unha iniciativa da Fundación Esplai en Galicia que ten como obxectivo principal “favorecer a adquisición de competencias dixitais buscando garantir a inclusión dixital desde a nenez”. Consciente da importancia de inculcar na rapazada un uso responsable e seguro da tecnoloxía, o Concello de Carballo apostou pola participación no proxecto.
Completado o itinerario formativo de 30 horas, os alumnos e alumnas recibiron os diplomas acreditativos nun acto no que participou a concelleira de Servizos Sociais, Benestar e Igualdade, Maica Ures.
Con esta actividade, ademais de mellorar as competencias dixitais da rapazada carballesa, recuperouse a actividade da Aula CeMIT local situada no primeiro andar do Pazo da Cultura, que forma parte da Rede de centros para a modernización e a inclusión tecnolóxica da Xunta de Galicia e que vén de ser equipada con novos ordenadores, ademais de impresora 3D, dron, etc.
Unha trintena de estudantes participaron en Carballo nos campamentos tecnolóxicos do proxecto CRI-TIC
Compartir Este Artigo

