
Nun plano máis concreto, abordaranse cuestións de “gran interese” como as renovables, a eficiencia enerxética, a iluminación, a mobilidade, a sustentabilidade ou a dixitalización, segundo avanza Oriol Sarmiento Díez, xerente de CLUERGAL, engadindo a que “nas actividades previstas os profesionais, as empresas e os representantes das nosas administracións poderán adquirir novos coñecementos nestas áreas e interactuar co sector, xa que fomentaremos o networking a través de cafés, xantares e múltiples actividades”.
Tres eixos temáticos
Como dixemos, os Energy Days configúranse ao redor de tres eixos temáticos: enerxía, industria e dixitalización. Así, debateranse cuestións como os últimos avances e aplicacións industriais en materia de enerxía solar, biogás, hidróxeno renovable, eólica (terrestre e mariña), xeotermia, biomas, comunidades enerxéticas, aerotermia… Ademais, explicaranse as vantaxes que poden conseguir as industrias galegas aplicando as últimas innovacións en cuestión de eficiencia enerxética, xestión de residuos, sustentabilidade, mobilidade, depuración, mantemento, climatización, iluminación ou coxeración. E todo iso sen esquecer as tecnoloxías impulsoras da actual Industria 4.0 como a Intelixencia artificial, a robótica, a análise da información a gran escala (Big Data), os xemelgos dixitais, a Realidade Virtual, a cadea de bloques (blockchain), a Realidade Aumentada ou a fabricación aditiva.
O foro Energy Days é unha evolución do simposio Urban Solutions, cuxas edicións celebradas en Vigo (2022) e Santiago (2023) foron todo un éxito, segundo recoñece Sarmiento, que explica que “se nestas dúas primeiras edicións a atención centrouse nas cidades, desta volta será o sector industrial galego o foco de atención”.
Nestes momentos, CLUERGAL traballa para pechar o programa de relatorios, no que profesionais e empresas de prestixio de toda España acudirán a Santiago para analizar todo o relacionado coa transición enerxética e a transformación dixital, que está a cambiar profundamente tanto ao sector industrial como á sociedade en xeral. A maiores contará cunha zona de exposicións, onde as empresas poderán expoñer os seus produtos e servizos, así como establecer contacto con profesionais, empresas, administracións e público en xeral.
Os Energy Days reunirán en Santiago máis de 600 especialistas en enerxía, industria e dixitalización
Compartir Este Artigo

