Na tarde do pasado venres, 20 de setembro, tivo lugar no GaiásTech da Cidade da Cultura o acto de resolución da XVII edición do Premio ao Mellor Traballo Universitario libre convocado polo Consorcio CIXUG, e que conta coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e da asociación GPUL.
Un total de 5 candidaturas chegaron a esta fase final, e que foron avaliadas polo xurado a través das súas diferentes presentacións nas que se tiveron en conta aspectos tales como o correcto licenciamento dos traballos, así como o uso dunha metodoloxía propia que caracteriza especialmente aos traballos en aberto.
Segundo informou o CIXUG, o primeiro premio foi acadado por Alejandro Buján Pampín co proxecto Abordando o desenvolvemento de Liñas de Produtos Software dende unha perspectiva de Xestión de Ciclo de Vida das Aplicacións, no que se describe un primeiro intento de enfrontar o desafío de acelerar o tempo de comercialización do software, mantendo a calidade e a xestión eficaz dos cambios continuos. Este traballo levouse a cabo mediante un metodoloxía iterativa e incremental, empregando MongoDB como almacén de datos, así como Node.js e Express.js para a implementación do servidor web e Vue.js para o cliente web.
Este recoñecemento implica unha dotación económica de 1.500 euros, que son aportados polo CIXUG ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.
Por outra banda, entregouse o Premio Especial Alejo Pacín Jul a Antón Gómez López polo seu traballo Adaptación efectiva de redes xerativas antagónicas para o procesado de imaxes de teledetección multidimensionais. Este segundo premio conta cunha dotación económica de 750 euros, que son achegados pola asociación GPUL, entidade colaboradora desta iniciativa e tamén enmarcado no convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.
Finalistas
Os cinco finalistas que alcanzaron a fase final da presente edición foron os seguintes:
-Pelayo Vieites Pérez Simulador de un sistema de control basado en señales EEG asociadas con ojos abiertos y cerrados.
–Manuel Alonso Carracedo, por Herramienta para la recopilación de información de servicios Whois.
–Miguel Castro Castro, por Desenvolvemento dunha ferramenta de apoio á docencia de Estrutura de Computadores.
–Alejandro Buján Pampín, por Abordando o desenvolvemento de Liñas de Produtos Software dende unha perspectiva de Xestión de Ciclo de Vida das Aplicacións.
–Antón Gómez López, por Adaptación efectiva de redes xerativas antagónicas para o procesado de imaxes de teledetección multidimensionais.
Xurado
O xurado estivo formado polas seguintes persoas: Mariano Cabrero Canosa (UDC), Alberto Suárez Garea (USC), Arno Formella (UVigo) e Francisco Tsao Santín (Asociación GPUL).
Premio ao mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre
O CIXUG convoca este premio dentro das actividades incluídas dentro do convenio de colaboración coa AMTEGA, e no que se pretende a mellora dos mecanismos de formación e difusión do software libre no ecosistema universitario galego.
A colaboración de GPUL tamén forma parte das actividades realizadas ao abeiro do convenio de colaboración asinada coa AMTEGA.
O CIXUG entrega os galardóns do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre
Compartir Este Artigo

