Os Premios a la Innovación Digital 2024 (2024 PID), do xornal El Norte de Castilla outorgaban o galardón á mellor iniciativa social dixital de axuda ao cidadán onte (mércores, 2 de outubro) ao presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, polo seu programa Navega con rumbo polo ciberespazo. O premio foi entregado nun acto celebrado en Valladolid da man do director xeral de Telecomunicacións e Administración Dixital da Consejería de Movilidad y Transformación Digital da Junta de Castilla y León, Antonio Ibáñez Pascual.
Fernando Suárez agradeceu o recoñecemento ao programa Navega con rumbo polo ciberespazo, posto en marcha coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia fai máis de 15 anos. “Gañar este premio é un recoñecemento ao esforzo do CPEIG, dos seus colexiados e ao apoio das institucións, ademais de ser todo un orgullo que se nos recoñeza ao lado das nosas fronteiras por un traballo ben feito”, apuntou. O presidente do CPEIG explicou que a innovación non é só tecnoloxía, non é só cambiar procesos ou produtos, senón que depende sobre todo das persoas que están no centro deste cambio e, polo tanto, apuntou que “temos que cultivar, fomentar, atraer e reter o talento que tanto hai en Galicia” e que é a base desta innovación e deste proceso tecnolóxico. Navega con rumbo é o programa máis ilusionante que impulsamos desde o CPEIG, levado a máis de 250 centros educativos todos os anos para que toda a comunidade educativa (alumnado, profesorado e familias) saiba as vantaxes que ten internet e tamén os seus riscos e como afrontalos e minimizar o seu impacto. Con este programa poñemos o noso gran de area para que os nenos e nenas sexan máis autónomos no ámbito dixital e poidan sacar o máximo rendemento á tecnoloxía”, manifestou.
Estes premios, que coinciden coa celebración do 170 aniversario de El Norte de Castilla, contan co apoio institucional da Junta de Castilla y León e Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE), o patrocino de Iberdrola e a colaboración del Colegio Profesional de Ingenieros en Informática de Castilla y León.
O programa Navega con rumbo do CPEIG recoñecido polo seu valor social e divulgativo
Compartir Este Artigo

