A operadora galega R convídanos a unha nova edición das súas Xornadas Tecnolóxicas, desta volta no Miradoiro de San Pedro da Coruña (no restaurante Árbore da Veira o 10 de outubro, a partir das 9.30 horas), para abordar de cheo “a cuestión das intelixencias e a súa fascinante dualidade”, segundo avanza a empresa, indicando, nun plano máis concreto, que o obxectivo é “afondar na simbiose do intelecto coa Intelixencia Artificial, que xa forma parte das nosas vidas, e saberemos se a fusión entre ambos nos pode achegar realmente a un futuro extraordinario e cheo de posibilidades”.
R engade que a xornada é evento especialmente dirixido ás empresas galegas nun “momento emocionante e transformador: un intre que require reflexionar sobre as fronteiras entre o humano e o artificial, o biolóxico e o tecnolóxico para enfocar cara a ese futuro onde é probable que eses límites se vaian diluíndo”.
Alfredo Ramos, director de R e de Masorange en Galicia (Premio Enxeñeiro do Ano 2024 polo COETG), abrirá o acto e situará aos asistentes neste contexto das Intelixencias. Deseguido intervirá o primeiro convidado das Xornadas de 2024, Joaquín Almunia (ex-ministro e ex-vicepresidente da Comisión Europea), para interpretar e valorar “as mudanzas que nun futuro próximo viviremos nun escenario económico e xeopolítico global salientando, á súa vez, o impacto que estas alteracións van implicar para as nosas organizacións e empresas”. Tamén explicará que nos atopamos “nun mundo cada vez menos previsible, debullando os desafíos que marcarán a axenda internacional”.
A continuación será a vez de Andrés Pedreño (catedrático de Economía Aplicada, experto en IA e membro do consello asesor de IA da AMTEGA) que, xunto a Francisco Huidobro, director de Servizos Dixitais de R, disertará sobre a revolución futura que vai supor “integrar a Intelixencia Artificial en todas as funcións empresariai; dende a automatización ata o incremento da produtividade, a IA chegou para mellorar a experiencia de cliente e lograr enfrontar os grandes retos da humanidade, quer no eido empresarial, quer no social”. Tamén dialogarán sobre os modelos conductuais, procesos de automatización e democratización da IA para que sexa accesible a todas as empresas e corporacións.
Finalmente, e por primeira vez nas Xornadas Tecnolóxicas de R, farase entrega do Premio aleluIA, un novo certame que quere distinguir “proxectos onde se achega un plus de creatividade e espírito innovador á hora de aplicar a tecnoloxía”. Nesta primeira edición do galardón entregarase a distinción á empresa ourensá de automoción Pérez Rumbao, en recoñecemento e homenaxe a un século de historia ás súas costas onde a industrialización e os avances tecnolóxicos desempeñaron un papel fundamental.
A nova edición das Xornadas Tecnolóxicas de R pon o foco nas intelixencias humanas e dixitais
Compartir Este Artigo

