Froito dun obradoiro inserido no Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC) 18 estudantes de Comunicación Audiovisual veñen de crear unha webserie de humor titulada: Dúas señoras. “Maruja e Balbina, dúas inseparables xubiladas, quedan todos os días no banco de sempre para pasar o rato e dunha maneira ou doutra sempre acaban metidas nunha aventura diferente”.
Esta idea constitúe o punto de partida desta webserie coordinada polo profesor Paulino Pérez. O obradoiro do que xorde está idea está dirixido a achegar o alumnado a unha contorna de traballo profesional, na que se dividen en diferentes departamentos e contan cun orzamento e un tempo de rodaxe limitado, o resultado final deste taller é unha serie protagonizada por Mercedes Castro e Ana Santos, que se estrea na tarde de hoxe, venres, 25 de outubro ás 18 horas, na Aula de Cine da Facultade de Comunicación, Pontevedra.
Dúas señoras está dirixida por Uxía Soutullo e Luján Monteiro, con Alejandra Justo e Álvaro Cidre como produtores. A webserie é o resultado final da décimo terceira edición do obradoiro Celanova, plató de ficción, que contou co patrocinio da Fundación Carlos Casares e da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), da Xunta de Galicia. A gravación levouse a cabo en outubro do pasado ano en Celanova e, unha vez completado o proceso de montaxe, hoxepreséntase o resultado final, nunha sesión aberta a toda a cidadanía. Desde esta xornada ademais, os catro capítulos da serie poderán verse na Rede.
Este taller promove cada ano o desenvolvemento dunha produción audiovisual, apostándose na última edición “polo formato da webserie, que non facíamos desde 2019”, segundo apuntou Paulino Pérez. O punto de partida, sinala, foron “situacións anecdóticas que lles poden pasar ás persoas maiores”, inspirándose “en historias das avoas e da familia dunha das directoras”, a partir das que deron forma a unha comedia integrada por catro capítulos curtos, desenvolvida, “nun formato máis clásico, como se fora unha serie de televisión en pequeno formato”. Nese senso, o taller permitiu a este grupo de estudantes traballar “con dúas actrices recoñecidas”, cunha ampla traxectoria en series de televisión, como Mercedes Castro e Ana Santos.
O proxecto foi realizado por un grupo de 18 alumnos e alumnas do Grao en Comunicación Audiovisual, que integran Lóstrego Filmes, o proxecto de produtora que previamente deseñaran para unha materia da titulación. Dúas Señoras constitúe así mesmo o Traballo de Fin de Grao (TFG), tanto da produtora Alejandra Justo, como de Uxía Soutullo, guionista, codirectora e autora da banda sonora da serie.
Estudantes de Audiovisuais de Celanova crean a webserie Dúas señoras
Compartir Este Artigo

