A produtora CTV celebra este 2025 os seus 40 anos de andaina. Foron, en palabras da produtora con sede en Teo, “catro décadas encadeando éxitos de audiencia no prime time da TVG e exportando o galego”. Todo isto grazas ás súas series dispoñibles en plataformas internacionais como Max ou Netflix. É o caso de Motel Valkirias (Max) ou O sabor dos margaridas, un dos grandes éxitos recentes de audiencia internacional en Netflix.
CTV naceu en 1985, seis meses antes que a CRTVG, coa que tivo unha estreita relación desde os inicios. Hoxe en día conta cuns 12.000 metros cadrados onde traballan máis de 80 profesionais. A produtora é unha lanzadeira de talentos e deu a coñecer a rostros televisivos moi populares como Xosé Manuel Piñeiro (SuperPiñeiro), Roberto Vilar, Xosé A. Touriñán, Teté Delgado, Manuel Manquiña ou Boris Izaguirre. A súa andaina está marcada con fitos do audiovisual como Pratos Combinados, Pepe O Inglés, Efectos secundarios, Land Rober Tunai Show, Libro de familia, O Nordés ou a serie infantil As Aventuras de Minchi. CTV tamén foi pioneira no eido da dobraxe ao galego de series que marcaron xeracións como Dallas, Arriba e Abaixo ou A Nanny.
Inicios e traxectoria
Sobre a orixe e a traxectoria da produtora, o seu fundador, Ghaleb Jaber Ibrahim, comenta que CTV naceu como unha empresa de dobraxe que despois foi medrando co respaldo familiar e de varios socios externos. “Cunha antena parabólica, situada no Hotel Araguaney, comezamos a dar os partidos da Champions League e xente de toda España viña ver estes encontros”, lembra. O empresario engade que “primeiramente os estudios de dobraxe situáronse nos camerinos da discoteca Casting para máis tarde asentarse nas oficinas da praza de Vigo”. Igualmente, destaca que “o primeiro estudio de produción estivo na rúa República do Salvador, e para poder crecer decidiuse dar o paso a San Marcos, pero por problemas coa administración local este proxecto non fraguou, polo que se apostou por construír a sede de CTV en Montouto (Teo)”. O fundador lembra ademais que os primeiros quince anos “foron moi difíciles, tivemos que preparar e formar eficientemente aos dobradores; navegando contracorrente, pero dobrando series como Dallas ou Magnum con moita calidade”, manifesta.
CTV conseguiu outros fitos importantes no audiovisual galego: produciu o primeiro concurso para TVG, Apúntaste a un bombardeo?; o primeiro telefilme para televisión, Novo de Parmuide; a primeira serie de televisión, feita en Galicia, Os outros feirantes, baseada na novela de Álvaro Cunqueiro na que participaron actores como Alfredo Landa, Rossy de Palma e Gabino Diego; e creou o primeiro thriller en galego para Netflix, O sabor das margaridas.
Desde hai unha década, CTV aposta pola internacionalización das súas producións con series como O sabor das margaridas (Netflix), a coprodución galego-portuguesa Motel Valkirias (HBO Max) ou Dalia, a modista. O produtor executivo de CTV, Ghaleb Jaber Martínez, explica que O sabor das margaridas foi unha serie pioneira que conseguiu situarse no top 10 de popularidade de Netflix en diferentes países como España, Reino Unido, Irlanda, Grecia, Romanía, Arxentina e Uruguai. “CTV comezou como unha empresa pioneira cando non había tecido audiovisual en Galicia, o mesmo que O sabor das margaridas que aínda hoxe en día é a única serie en galego no catálogo de Netflix”, indica. En canto ao futuro do audiovisual, destaca que o gran desafío do sector é manter a identidade das empresas no mercado actual, coa súa preocupación polo galego, sempre baixo a responsabilidade das propias compañías e as administracións públicas.
CTV segue a producir programas de éxito na TVG como Land Rober Tunai Show, Luar ou Bamboleo e adaptándose aos novos soportes e formatos creando Ghuasapp, a primeira serie da plataforma AGalega da CRTVG.
CTV celebra os seus 40 anos pisando forte nas plataformas
Compartir Este Artigo

