A empresa tecnolóxica Altia, con sede en Oleiros, comezou a colaborar con LearnWise AI, plataforma innovadora que integra un asistente de Intelixencia Artificial personalizado nos sistemas de xestión da aprendizaxe (LMS). A través deste acordo, a galega Altia ofrecerá LearnWise aos seus clientes dentro da súa proposta de servizos educativos, ampliando así a súa oferta tecnolóxica para institucións educativas.
Altia explica que o asistente de IA de LearnWise brinda solucións personalizadas que melloran a interacción entre as institucións educativas e os estudantes, así como a súa participación e adhesión (fidelización). A colaboración céntrase en “afrontar desafíos clave na educación superior, como personalización da experiencia de aprendizaxe e o soporte administrativo adaptable e flexible”, engade a firma coruñesa, apuntando que “con esta colaboración seguimos impulsando o sector educativo desde a tecnoloxía, promovendo a adopción de ferramentas de Intelixencia Artificial que non só melloren as operacións institucionais, senón tamén o proceso de aprendizaxe dos estudantes, axudando a que a educación sexa máis accesible, efectiva e atractiva”.
Learnwise.ai salienta por achegar un asistente intelixente impulsado por IA, dispoñible en calquera intre e desde calquera lugar. A plataforma de LearnWise adáptase ás necesidades das institucións en calquera etapa da súa adopción tecnolóxica, integrándose con máis de 400 aplicacións edtech. Ata a data, axudou a universidades de todo o mundo para reducir á metade as consultas de soporte, servindo a máis de 720. 000 estudantes.
Altia colabora con LearnWise para transformar a educación a través da IA
Compartir Este Artigo

