No mes de maio (o 14, 15 e 16) a maior feira científica galega, Galiciencia, impulsada polo Parque Tecnolóxico de Galicia- Tecnópole (sociedade participada pola Xunta de Galicia) e encamiñada ao alumnado de Primaria, Secundaria, Bacharelato, FP e Educación Especial cumpre 20 anos. Para festexar este aniversario Galiciencia titulou esta 20ª edición: Neurociencia e saúde mental. Cómpre sinalar que esta feira se realiza co apoio da Consellería de Economía e Industria e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología- Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
Indo á Galiciencia deste ano, entre as propostas desta edición tan especial a Tecnópole elaborou unha revista e un calendario conmemorativos, nos que se fai unha viaxe polos seus fitos máis relevantes. Estes materiais distribuíronse polos centros educativos de toda a comunidade e poden consultarse en liña.
Botando a ollada ao pasado, Galiciencia botaba a andar en 2006 como unha iniciativa pioneira en Galicia e neste tempo consolidouse como unha cita de referencia para a mocidade, facendo especial fincapé na necesidade de lograr “un mundo máis saudable, sostible e igualitario a través da innovación”. Nesta liña, Tecnópole ten un especial compromiso coa divulgación, tratando de que a ciencia sexa accesible para todas e todos. Tal como explican desde a organización, “o Parque Tecnolóxico de Galicia foi dos primeiros en incorporar, xa en 2012, no seu obxecto social a promoción da ciencia a través das actividades de divulgación científica. Detectouse a necesidade de fomentar o talento e a innovación desde idades temperás para que a mocidade poida emprender e, por que non, quedarse en Galicia ou mesmo instalarse no propio Parque”.
A revista recolle as impresións dos principais protagonistas de Galiciencia ao longo destes anos: a rapazada participante, os equipos de docentes que acompañan o alumnado á feira e fomentan neles o espírito emprendedor, o equipo de divulgadores e divulgadoras que idean os obradoiros e espectáculos de ciencia, os membros do xurado, os organizadores, os creadores da imaxe de cada edición… Asemade, na publicación conmemorativa faise un percorrido polos proxectos gañadores destes vinte anos e saliéntase unha entrevista ao primeiro gañador de Galiciencia, Carlos Nieto, alumno do colexio Guillelme Brown do Pereiro de Aguiar (Ourense). Daquela tiña 13 anos e na actualidade traballa como neurocientífico en Moscova (Rusia), onde estuda as neuronas espello en humanos.
Nestes anos a rapazada participante buscou solucións a problemas que nos afectan no noso día a día como o cambio climático ou a accesibilidade, deseñaron todo tipo de dispositivos tecnolóxicos, preocupáronse pola mellora da nosa alimentación, pola conservación da natureza, empregaron novos xeitos de enerxía e botaron man da reciclaxe por un mundo máis sostible…
En canto ao calendario desta edición, quere render homenaxe a mulleres científicas pioneiras que deixaron a súa pegada e axudaron a transformar a sociedade como a oceanógrafa Ángeles Alvariño ou a matemática María Wonenburger. Inclúe ademais datas significativas no mundo da ciencia, compartindo deste xeito coa rapazada fitos que mudaron a maneira de ver o mundo. Sublíñanse así mesmo datas importantes vencelladas á nova edición de Galiciencia como os prazos para a inscrición de proxectos ou a participación nos diferentes concursos que se van poñer en marcha.
Galiciencia celebrará os seus 20 anos agasallando unha revista e calendario conmemorativos
Compartir Este Artigo

