Código CeroCódigo CeroCódigo Cero
  • NOVAS
    • Actualidade
    • Electrónica de consumo
    • Eventos
    • Intelixencia artificial
    • I+D+i
    • Audiovisual
    • Software libre
    • Telefonía
  • TREBELLOS
  • VIDEOXOGOS
  • REVISTA EN PAPEL
Lendo: Vinte finalistas aspiran a gañar os oitavos Premios Youtubeiras+, que rematan en Narón o 1 de febreiro
Compartir
Código CeroCódigo Cero
Buscar
  • Novas
  • Trebellos
  • Videoxogos
  • Revista en papel
Actualidade

Vinte finalistas aspiran a gañar os oitavos Premios Youtubeiras+, que rematan en Narón o 1 de febreiro

S. P.
Publicado: 16/01/2025
8 Min de Lectura
Compartir
8 Min de Lectura

rolda_youtubeiras.jpgAs entidades organizadoras dos Premios Youtubeiras+ anunciaron este xoves 16 de xaneiro, no Concello de Narón, a relación das canles e persoas finalistas, vinte en total, que aspiran a ser as gañadoras nalgunha das sete categorías nas que se dividen nesta súa oitava convocatoria. Segundo fixeron saber, a gala de entrega será o sábado 1 de febreiro, ás 19.00 horas, no Pazo da Cultura.
Marián Ferreiro, alcaldesa de Narón; Soledad Agra, deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, e Javi Sánchez, artista coñecido co nome de Meiga-i e quen presentará a gala, deron a coñecer a listaxe de finalistas do certame. Estes galardóns enmárcanse no proxecto Youtubeiras, organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña co obxectivo “de fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede”.
“Narón únese ao proxecto Youtubeiras e faino da mellor forma posible, acollendo a gala de entrega de premios, para amosar o noso compromiso coa lingua nun ámbito, o das redes sociais e a creación de contidos en Internet, que consideramos fundamental para o presente e para o futuro de calquera idioma”, sinalou a alcaldesa de Narón antes de engadir que a creación de contidos en galego en plataformas como YouTube e TikTok constitúe unha “vía imprescindible” para a difusión do galego entre as novas xeracións.
Ferreiro, ademais, lembrou que este ano os Premios Youtubeiras+ viven “unha edición de transformación ao ampliar o seu campo de acción”, xa que se abriu a participación aos contidos xerados en TikTok .
A asistencia á gala é gratuíta para o público xeral. As entradas pódense conseguir no propio Pazo da Cultura, chamando ao teléfono 981 102 897, de luns a sábado, de 9.30 a 14 00 horas e de 17.30 a 20.30 horas, ou a través do correo electrónico taquilla.pazo@naron.gal
89 canles
cartel_galayoutubeiras_2025.jpg A deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra, iniciou a súa intervención agradecéndolle a Narón a súa disposición para acoller a gala e deulle a benvida ao proxecto Youtubeiras+. “Estes premios caracterizáronse sempre pola colaboración institucional e a implicación de diferentes entidades locais a través dos seus servizos de normalización lingüística, así como das tres universidades. Cremos que a unión, a colaboración e a forza común ao redor da lingua conforman o camiño que cómpre seguir”, explicou Agra antes de dar algúns datos sobre esta oitava edición, que leva por lema Fachenda ao cadrado. “Este ano rexistramos a inscrición de 89 canles, 49 de YouTube e 40 de TikTok. Superamos a cifra da edición anterior, na que contamos coa concorrencia de 68 canles”, desvelou Agra. A representante da Deputación da Coruña tamén engadiu outra cifra para definir esta oitava edición. “Os vídeos que se inclúen nestas canles supoñen un total de 19 720 minutos de contidos dixitais en galego”, rematou.
Agra lembrou que os Premios Youtubeiras+ repartirán nesta nova edición 7500 euros, que se distribuirán entre as súas sete categorías. As persoas gañadoras nos apartados de canle de YouTube e canle de TikTok recibirán 1250 euros cada unha, mentres que quen consigan os galardóns de creación de contidos, revelación, calidade lingüística e rede, ademais do Premio do Público, levarán 1000 euros. Para este último galardón, o Premio do Público, votaron 5056 persoas a través da web de Youtubeiras.
A gala
Javi Sánchez encargouse de descubrir algúns detalles da gala, que contará coa actuación musical do grupo De Ninghures. “Esta é unha gala de mudanzas: mudamos de casa, imos a unha máis grande e acolledora. Porque somos máis”, sinalou Sánchez, coñecido co nome artístico de Meiga-i. O artista adiantou que a gala “non será un musical, pero terá moita música” e que tampouco será un cabaré, pero “teremos moito de cabaré”. Finalmente, Meiga-i desvelou dous grandes leitmotivs da gala. O primeiro, o propio lema desta edición Fachenda ao cadrado; e o segundo, a historia de Internet. “Youtubeiras xa ten oito anos, xa ten unha historia e percorreremos a historia de Internet ao longo de toda a gala a través de homenaxes aos formatos nativos da Rede”, concluíu o presentador.
Finalistas
Vinte canles e persoas en conxunto son finalistas nas sete categorías nas que se dividen os Premios Youtubeiras+. As finalistas á mellor canle de YouTube son Exército Mekemeke, IagoRAW e O Faiado Podcast, mentres que na categoría de mellor canle de TikTok o son Sara Seco Rial, Pradorua e Konachadas. O Premio á Creación de Contidos decidirase entre Rodri Míguez; Anxo Sánchez e María Prado, de Pradorua, a única finalista en dúas categorías. O Premio Revelación disputarase entre Arquivo Anab, Carlota Casal Ramos e Galiactiva.
O Premio á Calidade Lingüística decidirase entre A Debate no Eirado, Galego para Peques e Luís do Río, mentres que optarán como finalistas ao Premio Rede OU ké!, Pablo Rodríguez Vila e Rebelico. Por último, tres son os vídeos finalistas ao Premio do Público: A revolución galega de 1846, de Orgullo Galego; Non máis bágoas, de Xurxo Varela; e Queimas controladas, de Savia Nova.
O xurado desta oitava edición está conformado por Andrea Villa, xornalista; Carlos Callón, profesor e escritor; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Sara Varela, guionista, e Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023.
A seguir, relación de finalistas e concellos de procedencia:
FINALISTAS: CANLE DE YOUTUBE
– Exécito Mekemeke (Ames)
– IagoRAW (Lugo)
– O Faiado Podcast (Santiago de Compostela)
FINALISTAS: CANLE DE TIKTOK
– Sara Seco Rial (Santiago de Compostela)
– pradorua (Ourense)
– Konachadas (Ames)
FINALISTAS: CREACIÓN DE CONTIDOS
– Rodri Míguez (Bueu)
– Prado Rua (Ourense)
– Anxo Sánchez (Lugo)
FINALISTAS: REVELACIÓN
– Arquivo Anab (Xinzo de Limia)
– Carlota Casal Ramos (Melide)
– Galiactiva (Ourense)
FINALISTAS: CALIDADE LINGÜÍSTICA
– A Debate no Eirado (Santiago de Compostela)
– Galego para Peques (Monterroso)
– Luís do Río (Santiago de Compostela)
FINALISTAS: REDE
– OU ké! (Ourense)
– Pablo Rodríguez Vila (Lugo)
– Rebelico (Vigo)
FINALISTAS: PREMIO DO PÚBLICO
– A revolución galega de 1846, de Orgullo Galego (Vigo)
– Non máis bágoas, de Xurxo Varela (Chantada)
– Queimas controladas, de Savia Nova (Pontevedra).
Youtubeiras+ é unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística da Deputación da Coruña, dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, e das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Últimos números da nosa edición impresa

Shelf Wood

Outras novas populares

BoBots gaña o premio do público en Odisea Indie
Actualidade VIDEOXOGOS
4 Min de Lectura
Carlos J. Escudero: “Podemos ser mellores profesionais coas ferramentas IA, sempre que as utilicemos para reforzar as nosas capacidades e non como unha escusa para deixar de aprender”
Actualidade
13 Min de Lectura
A Semana Europea da Robótica pecha en Santiago cunha mañá profesional e unha feira aberta ás familias
Actualidade
6 Min de Lectura
Novo número da nosa edición impresa
Actualidade
2 Min de Lectura
Compartir Este Artigo
Facebook Whatsapp Whatsapp Copiar Ligazón Imprimir
- PÁXINA WEB HOSPEDADA EN -
Ad imageAd image
-PUBLICIDADE-
De fronte á violencia de xénero
-PUBLICIDADE-
PEL 2027

Revista en papel


Ad imageAd image

Feed RSS: ACTUALIDADE DA AMTEGA ACTUALIDADE DA AMTEGA

  • As persoas que coordinan as 93 aulas CeMIT de Galicia celebran o seu encontro anual na Cidade da Cultura
  • A intelixencia artificial é a tecnoloxía avanzada que máis medra no tecido empresarial galego no último ano
  • Inauguración Laboratorio e Centro Demostrador de Ciberseguridade Industrial de Galicia
  • Laboratorio e Centro Demostrador en Ciberseguridade Industrial

Subscríbete ao noso boletín

Recibe de balde por correo electrónico as novas novas.







banner							
banner
Lenos en Magzter
Os contidos da nosa edición impresa poden lerse comodamente a través da aplicación de Magzter para iOS e Android.
Ir a Magzter
Ad imageAd image

Outras novas de interese

apple_park_visitor_center_explore_03.jpg
Actualidade

OpenAI contrademanda a Apple

27/11/2026
Actualidade

As XVI Xornadas Achégate á Igualdade de Ames puxeron o foco na machosfera e nas plataformas dixitais

27/11/2026
Actualidade

Maldita.es denuncia unha rede de páxinas de Facebook que difunden desinformación política en campaña electoral

27/11/2026
Actualidade

A Universidade de Vigo dá o salto ao voto electrónico

27/11/2026

CÓDIGO CERO

Código Cero, diario de novas tecnolóxicas de Galicia, é unha publicación en galego sobre TIC nacida en formato dixital o 25 de xullo de 2001, que comezou a editarse tamén en formato impreso en decembro do mesmo ano.

- PÁXINA WEB HOSPEDADA EN -
Ad imageAd image

 

PREMIOS

   
   

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.

Rúa das Hedras 4 1 M
(Pol. Novo Milladoiro)
15895 Ames - Milladoiro
981 53 02 68
redaccion@codigocero.com
Código CeroCódigo Cero
Síguenos
© Grupo Código Cero Comunicación, S.L. – Política de privacidade
Banner de cookies RXPD

Utilizamos cookies para ofrecerche a mellor experiencia na nosa web.

Podes aprender máis sobre que cookies utilizamos na nosa política de cookies ou desactivalas nos axustes.

Welcome Back!

Sign in to your account

Nome de usuario ou Enderezo de Correo
Contrasinal

Perdiches o teu contrasinal?