
Segundo fai saber Toni Pons, director xeral de CETIM Technological Centre, “as nosas alianzas e o continuo seguimento das tendencias do mercado permítennos desenvolver as mellores solucións tecnolóxicas adaptadas ás necesidades de todos os sectores”. Grazas a este clima colaborativo, ao longo do 2024, o centro impulsou un total de 80 proxectos de investigación en sectores clave como baterías e vehículos eléctricos, forestal, construción, industrial, téxtil, electrónica e TIC, tratamento de augas e recuperación de nutrientes, agroalimentario, etc.
Dende o CETIM adiantan que este “2025 tamén promete”, xa que se inicia coa apertura por parte da Axencia Estatal de Investigación da convocatoria de Proxectos en Colaboración Público-Privada, na que se mobilizarán 320 millóns de euros. O obxectivo principal desta convocatoria é financiar proxectos de colaboración, dunha duración de tres anos, entre centros de investigación, universidades, organismos públicos de investigación e as empresas, avanzando así na incorporación de coñecementos e resultados científico-técnicos que permitan a validación e o desenvolvemento precompetitivo de novas tecnoloxías, produtos e servizos.
No CETIM lograron ata o momento unha taxa de éxito do 100% en colaboración público-privada, sendo “o segundo organismo de investigación galego con máis éxito”, sinálase no balance, no que se engade que un exemplo disto é o proxecto DemolTech, no que buscan desenvolver tecnoloxías disruptivas para a demolición intelixente e procesos de revalorización dirixidos á xeración de materias primas circulares en contornas urbanas. Outros casos de éxito son o proxecto SMMASH, no que se están investigando materiais e metais sostibles a partir do aproveitamento de cinzas de fondo e volantes procedentes da valorización enerxética de residuos municipais, e QuitinSect, que mellorará as técnicas extracción e transformación de quitina en aplicacións de alto valor engadido para envasado alimentario.
DemolTech: demolición intelixente e revalorización de RCD

Máis polo miúdo, desde CETIM desenvolverán en DemolTech un Xemelgo Dixital baseado nos datos captados por Visión Artificial e na análise de ciclo de vida que permita coñecer a solución máis sostible do material. Ademais, incorporarán a tecnoloxía de cadea de bloques (Blockchain) para certificar as boas prácticas durante esta fase do proceso e colaborarán con BECSA para investigar técnicas de revalorización de residuos in situ e en planta de residuos de construción e demolición.
Actualmente, están a realizarse os primeiros avances no estado da arte e este mes todo o consorcio visitou a obra de demolición, situada na provincia de Soria, onde levará a cabo a validación dos desenvolvementos en colaboración con FCC Construción.
O CETIM engade que este proxecto “permitirá facer fronte aos desafíos científico-tecnolóxicos que limitan o desenvolvemento de solucións como a ausencia de datos da cadea de subministración, a falta de indicadores estandarizados para facer monitoraxe das accións a favor da circularidade, eivas de control en verteduras incontroladas, etc”.
Esta gran aposta pola I+D+i de empresas referentes no sector e o compromiso de CETIM Technological Centre co medio ambiente, “fan posible avanzar na procura de solucións a problemas comúns, como aumentar a circularidade e sustentabilidade do sector da construción”.

