Lugo Transforma incorporou unha firma innovadora que aposta pola dixitalización e a economía circular no sector do alugueiro de maquinaria industrial. A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, presentou Equipzilla como nova beneficiaria do fondo local empresarial e de emprego, iniciativa do Concello que busca diversificar o tecido industrial do municipio e promover a creación de emprego de calidade, fomentando proxectos innovadores e sostibles. No acto tamén participaron Andrés Pla, CEO de Equipzilla, e Jorge Leiro, analista de investimentos de Torsa Capital.
Fundada en 2020 en Barcelona por Andrés Pla, Equipzilla é o primeiro marketplace español especializado no alugueiro de maquinaria industrial e materiais de construción. A súa plataforma dixital conecta usuarios e provedores, permitindo aforros significativos de tempo e custos grazas á centralización de información sobre prezos e dispoñibilidade.
A compañía tamén desenvolveu un SaaS (Software as a Service) que monitoriza equipos en tempo real, integrando a súa xestión con sistemas ERP e CRM. Este servizo facilita tanto o control operativo como a eficiencia para os alugadores. Ademais, Equipzilla aposta polo reacondicionamento de maquinaria, que prolonga a vida útil dos equipos e reduce as emisións de CO2, fomentando a sostibilidade e a economía circular.
Segundo destacou Paula Alvarellos, “proxectos como o de Equipzilla representan un compromiso decidido pola transformación tecnolóxica e pola sostibilidade, principios que guían o futuro que queremos para Lugo. Este tipo de iniciativas contribúen non só ao desenvolvemento económico local, senón tamén a consolidar un modelo produtivo máis verde e eficiente.”
O fondo Lugo Transforma destinou un investimento de 400.000 euros á incorporación de Equipzilla, dirixido a desenvolver novos produtos, mellorar as accións de mercadotecnia, expandir a súa capacidade comercial e contratar novo persoal.
Jorge Leiro, analista de Torsa Capital, destacou que a incorporación de Equipzilla supón para o fondo o fortalecemento dunha das estratexias de xestión máis básicas que é a diversificación sectorial: “Nunca tivemos ata o de agora un marketplace no fondo, menos nun nicho tan concreto, nun vertical tan concreto como é o de maquinaria industrial, o que facilita tamén reducir un dos riscos máis significativos que é o risco de concentración. Equipzilla é o socio ideal para levar a cabo uno dos retos máis importantes que ten o sector, que é precisamente a dixitalización e o aproveitamento das novas tecnoloxías”.
Pola súa banda, o director executivo (CEO) de Equipzilla, Andrés Pla, expresou o seu agradecemento polo apoio recibido e destacou que “o investimento en Lugo permítenos consolidar un centro de operacións aquí, na cidade, e onde esperamos captar o persoal, sobre todo de programadores, de frontends, de backends, de xente que nos axude no desenvolvemento tecnolóxico, poder facela medrar na cidade”.
O Fondo Lugo Transforma, impulsado polo Concello de Lugo cunha achega inicial de 12 millóns de euros, busca diversificar o tecido produtivo local, fomentar a creación de emprego de calidade e atraer proxectos sustentables que “promovan a fixación de poboación”. Ata a data, presentáronse un total de 90 proxectos ao fondo, dos que 13 están en fase de análise ou seguimento. Con 2.610.000 euros materializados en 9 empresas participadas, o fondo ten contribuído á creación de preto de 250 postos de traballo directos no municipio. Estas empresas inclúen LexDigo, Innogando, InVerbis, Techaway, Boldest, Monkey Markets, DosDog, Himikode Tech e, agora, Equipzilla.
Lugo Transforma incorpora un marketplace de alugueiro de maquinaria: Equipzilla
Compartir Este Artigo

