O sector lácteo galego está a día de hoxe mergullado nun proceso de transformación cara á dixitalización e a innovación como elementos clave para mellorar a sustentabilidade, a eficiencia e a competitividade. Mostrar algúns dos avances neste camiño a nivel galego foi un dos obxectivos da xornada O sector lácteo galego: innovación para un futuro sostible e competitivo, que reuniu este xoves 13 de febreiro a expertos e entidades relacionadas co sector en Santiago, para abordar as tendencias máis relevantes en tecnoloxía, dixitalización e automatización aplicadas ao sector.
Un dos puntos centrais do evento foi a mesa redonda sobre Cadea de Valor Láctea Intelixente, Trazable, Sostible e Conectada, moderada por César González, director executivo (CEO) de Medrar Smart Solutions, onde se analizou o impacto do proxecto SmartZ4Milk na modernización e dixitalización do sector. González lembrou como este proxecto tractor, promovido polo Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA), está a impulsar avances clave “cara a unha produción láctea máis sostible e eficiente, mediante a integración de tecnoloxías avanzadas e a colaboración entre empresas lácteas e tecnolóxicas e centros de investigación”.
Durante a mesa, Manuel Lolo, CEO de AMSLab, destacou que Galicia conta con produtos lácteos moi ben posicionados e resaltou os avances nas tecnoloxías de identificación e cuantificación de compoñentes nos laboratorios. “Desenvolvemos un método para diferenciar o leite A1 e A2, o que permite protexer tanto os produtores como aos consumidores”, explicou. Ademais, subliñou o crecente interese do sector no etiquetado destes compoñentes e a importancia dos pasaportes para os produtos alimentarios.
Desde a firma tecnolóxica compostelá Plexus, Yago González, director de Innovación, sinalou os principais retos do sector lácteo, destacando o seu carácter tradicional e a necesidade de dixitalización. “Algunhas compañías avanzaron tecnoloxicamente, pero moitas pequenas empresas aínda operan de maneira tradicional”, engadindo que a clave é “estruturar os datos e dixitalizar documentos para mellorar a rastrexabilidade e a comunicación con clientes”. Ademais, identificou tres tecnoloxías fundamentais para o futuro do sector: a cadea de bloques (blockchain) para garantir a rastrexabilidade e transparencia dos produtos; a Intelixencia Artificial para predicir a demanda e optimizar a produción; e a ciberseguridade para protexer a información e os procesos dixitais.
Pola súa banda, Jesús García, director de operacións do Grupo Lence, compartiu a súa experiencia no proxecto, describíndoa como transformadora e cun gran impacto na empresa. “Aplicamos catro proxectos clave, incluíndo un sistema de seguimento que abrangue desde a gandería ata a distribución ao consumidor, dixitalizando todo o proceso nunha única plataforma”, explicou. Ademais, destacou os esforzos en eficiencia produtiva sen comprometer a calidade e seguridade, así como a súa aposta pola sustentabilidade na planta de produción e nas explotacións gandeiras.
A xornada organizada por CLUSAGA proporcionou unha plataforma para o intercambio de ideas e a identificación de novas oportunidades de colaboración. Ademais da mesa sobre SmartZ4Milk, celebráronse debates sobre solucións innovadoras para a rastrexabilidade e a valorización de subproductos, proxectos de dixitalización no sector lácteo e novos modelos de sustentabilidade aplicada.
O evento concluíu cunha sesión de networking, onde os asistentes puideron conectar con outros profesionais do sector, establecer sinerxías e explorar futuras liñas de colaboración para impulsar a innovación na industria láctea galega.
SmartZ4Milk é un proxecto tractor que busca mellorar a competitividade, a sustentabilidade e a rastrexabilidade do sector lácteo en Galicia mediante 18 proxectos primarios. Cun orzamento total de 16,8 millóns de euros e unha axuda de 9,7 millóns de euros, está financiado polo Ministerio de Industria e Turismo (MINTUR) e a Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU. Promovido por CLUSAGA e liderado por Grupo Lence, o proxecto executarase ata xuño de 2025. Participan empresas lácteas como CAPSA FOOD, Queizúar, Queixería Prestes, CLUN e Bico de Xeado, así como empresas tecnolóxicas como Plexus Tech, Sixtema, ASM Soft e Grupo AMSLab.
O tecido lácteo galego enumera as transformacións do sector pola vía das ferramentas intelixentes
Compartir Este Artigo

