CETIM Technological Centre reuniu esta mañá nas súas instalacións de Culleredo (A Coruña) a 11 entidades de toda España para o lanzamento de RECOBATs, un proxecto no que traballarán durante 48 meses para “crear unha estratexia integral de reciclaxe de baterías abranguendo toda a cadea de valor, desde a fabricación ata a xestión dos seus compoñentes ao final da súa vida útil”, sinalou o CETIM, engadindo que a través desta fronte de traballo tentarase dar reposta aos retos principais que xorden na transición cara á mobilidade eléctrica, principalmente, o incremento na demanda de baterías e de materias primas estratéxicas.
A idea básica é crear un alicerce firme para comezar a romper a dependencia con respecto a China en materia de vehículos eléctricos, baterías e terras raras, materiais indispensables para a fabricación de baterías debido ás súas propiedades magnéticas, luminescentes e electroquímicas. Con este obxectivo xorde en parte RECOBATs, e co de “crear novos modelos de xestión e reciclaxe das baterías no remate da súa vida útil, e que permitan soster o crecemento da mobilidade eléctrica e a descarbonización da economía”. Por iso, RECOBATs persegue o desenvolvemento dunha estratexia integral e versátil para a segunda vida e a reciclaxe das baterías de ións de litio ao final da súa vida útil. Para iso, investigaranse diferentes tecnoloxías nas diferentes etapas do proceso, desde loxística e seguridade no transporte, a desactivación, o desensamblaxe automática ou a rexeneración en novas baterías e a reciclaxe directa mediante separación selectiva para a recuperación dos elementos das baterías, como cátodo, ánodo, cobre e aluminio; así como a reciclaxe indirecta, co que se poderá recuperar materiais estratéxicos para darlles unha segunda vida.
Para logralo, RECOBATs conta cun consorcio científico liderado por CETIM Technological Centre e formado por AIMEN, Centro Ibérico de Investigación en Almacenamento de Enerxía CIIAE e CSIC-CENIM. Por outra banda, ECOINTEGRAL, empresa con máis de 20 anos de experiencia na enxeñería de infraestruturas enerxéticas, coordina a agrupación empresarial da que forman parte compañías como Apria Systems, BeeCYCLE, DGH, Envirobat, FCC Ámbito e Recyclia.
Cada unha destas entidades abranguen toda a cadea de valor da reciclaxe de baterías desde a recollida, desensamblaxe e análise de estado, extensión da vida útil, separación selectiva, recuperación de materiais, modelado e visualización do proceso e aplicación de materiais.
RECOBATs non só impulsará o mercado da electromobilidad e enerxías renovables, senón que tamén impulsará a recuperación de metais críticos, contribuirá de maneira significativa á mellora da sustentabilidade ambiental, reducindo en polo menos un 70% as emisións de CO2 fronte á obtención por minería extractiva dalgunhas materias primas críticas como Litio, Cobalto ou Níquel e diminuirá a acumulación de residuos en entulleiras.
CETIM reúne a toda a cadea de valor da reciclaxe de baterías para lanzar unha iniciativa pioneira en España
Compartir Este Artigo

