A semana pasada Apple desactivou a protección de datos avanzada de iCloud en Reino Unido, confirmando a filtración de que as autoridades pediran a Apple acceso aos datos dos usuarios almacenados na súa nube amparándose na Investigatory Powers Act de 2016. Con esta divulgación de información pretendíase provocar unha reacción na cidadanía que obrigase ao Goberno a mudar a súa postura e volvese permitir o cifrado de extremo a extremo nas copias de seguridade dos seus cidadáns, pero a columnista Parmy Olson comenta en Bloomberg que esta loita pola privacidade ten poucas posibilidades de triunfar.
Olson lembra que as esixencias británicas pretendían crear unha porta traseira aos datos cifrados nos servidores de Apple, polo que Apple optou por eliminar o cifrado antes de crear unha fenda de seguridade que podería ser explotada por axentes mal intencionados. Deste xeito iniciaron a erradicación da protección de datos avanzada (ADP) en iCloud para usuarios de Reino Unido, impedindo primeiro a súa activación por parte de novos usuarios e, en breve, desactivarán tamén a función nos usuarios que a teñan activada actualmente.
Eliminar unha función que protexe a información dos usuarios debería provocar unha reacción en contra da cidadanía, pero Olson destaca o feito de que non é así por múltiples motivos, que van dende o mero feito de que a meirande parte dos usuarios descoñecía completamente o servizo de cifrado de extremo a extremo dos datos en iCloud, ata a falla de interese por manter a privacidade (pese a que Apple a emprega como un argumento de venda).
Podemos pensar que os cidadáns non entenden dabondo a tecnoloxía como para preocuparse por ela, pero tampouco podemos ignorar que tras numerosas filtracións masivas de datos nos últimos anos non houbo unha reacción pública proporcional, esixindo unha maior protección da nosa información persoal, dando a entender que non existe unha preocupación real sobre a materia, o que dificulta a defensa dos dereitos dos cidadáns neste ámbito.
O que segue a ser unha incógnita é o que acontecerá no futuro co cifrado de extremo a extremo nas comunicacións a través da plataforma de mensaxería de Apple, pois podemos entender que será o vindeiro obxectivo das autoridades británicas, e a desactivación de tal cifrado si podería chegar a ser máis preocupante.
A loita pola protección da privacidade podería estar perdida pola desidia da cidadanía
Compartir Este Artigo

