Apple desactiva a protección de datos avanzada de iCloud en Reino Unido

venres, 21 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

A primeiros de mes filtrouse que as forzas de seguridade do Reino Unido solicitaran a Apple a creación dunha porta traseira que lles permitirse recuperar o contido de calquera usuarios de Apple almacenado na nube da compañía amparándose na Investigatory Powers Act de 2016, o que impide que a compañía de Cupertino poida realizar declaracións públicas sobre o asunto por motivos de seguridade nacional.
Dado que o requirimento obrigaba a facilitar o acceso aos datos dos usuarios, aínda que estivesen cifrados, e para non ter que crear unha especie de chave mestra, os de Apple decidiron actuar dun xeito sen precedentes, impedindo que os usuarios británicos poidan activar a protección de datos avanzada para iCloud, ou sexa, que eliminan a opción de activar o cifrado de extremo a extremo, de xeito que non teñen que fornecer ás autoridades mecanismos para saltarse tal sistema de protección mediante unha porta traseira, e librando así tamén aos usuarios do resto do mundo de posibles inxerencias das autoridades británicas.
Dado que Apple non pode facer declaracións ao respecto, e todo o que se comentan non son máis que suposicións, podemos entender que o relato é certo cando nas últimas horas se comprobou que cando un usuario de Apple no Reino Unido tenta activar a protección de datos avanzada en iCloud (ADP) reciben unha mensaxe de erro que di non poder ofrecer tal servizo no Reino Unido a novos usuarios. Enténdese que aos usuarios que xa teñen activado a protección serán notificados máis adiante avisándolles de que o servizo se vai desactivar para as súas contas de usuario.
A reacción de Apple ante a solicitude das autoridades parece ser a máis razoable, pois abrir portas traseiras é un perigo para todos os usuarios, e tal e como está a acatar a compañía de Cupertino as esixencias británicas só prexudica a cidadáns británicos, mitigando o impacto catastrófico que tería cumprir coa petición británica de xeito literal, non só pola ameaza que supón a creación de portas traseiras, senón por crear un precedente que podería aproveitar calquera goberno do mundo para abusar o acceso total ás copias de seguridade en iCloud.