Dous proxectos galegos, impulsados pola Cámara da Coruña, participaron esta semana na final do programa estatal Impulsa Startup (Cámara de España), que conta con dúas fases que abranguen desde a maduración da idea de negocio ata a presentación a investidores. Trátase dos proxectos Cargoffer e máis IA Licita.
O proxecto Cargoffer, que resultou gañador na Demo Day (presentación de proxectos a investidores) organizada pola Cámara da Coruña no mes de febreiro, baséase nun marketplace loxístico terrestre onde as empresas publican as súas necesidades de transporte de mercadorías. A aplicación calcula os roteiros óptimos, restricións de circulación e paradas de reposición.
Pola súa banda, a firma IA Licita, que resultou gañadora na primeira fase do programa na Coruña, na que os emprendedores aprenden a desenvolver un produto viable (MVP), é unha solución que proporciona informes de licitación pública combinando tecnoloxía de Intelixencia Artificial con enfoques adaptativos para satisfacer as necesidades específicas de cada segmento de cliente.
O programa Impulsa Startup deseñouse para a creación e aceleración de empresas emerxentes que contan cun alicerce tecnolóxico. Consta de dúas fases, a primeira, Crea e Crece, na que os emprendedores aprenden a desenvolver un MVP a través da formación e o asesoramento dos técnicos de Cámaras, e reciben mentoring con empresarios e emprendedores do tecido empresarial das Cámaras de Comercio. Na segunda fase, Despega, acompáñase ao emprendedor no proceso de escalar o seu modelo de negocio e presentalo ante potenciais investidores, grazas a titorías con técnicos de cámaras e mentoring con expertos en cada modelo de negocio, ata chegar á presentación do proxecto ante investidores profesionais.
A primeira edición da Xornada final do programa Impulsa Startup celebrouse en Madrid, ao longo de dous días.
Impulsa Startup é un programa da Cámara de España co-financiado polo FSE no marco o Programa de Educación e Formación, Emprego e Economía Social (2021 – 2027).
IA Licita e Cargoffer chegan á final do premio estatal Impulsa Startup, co apoio da Cámara da Coruña
Compartir Este Artigo

