O festival de contidos dixitais Carballo Interplay, organizado polo Concello, presento este 9 de abril os paneis da súa Zona Pro, un espazo para reflexionar e debater sobre as tendencias na industria da comunicación e o eido dixital da man dos seus protagonistas. Nesta XII edición do festival, que será do 24 ao 27 de abril no Mercado de Carballo, explorarase o fenómeno do true crime, o seu formato, o estilo a ambientación, así como conflitos éticos, da man de dous proxectos galegos premiados pola iniciativa Radar Podcast Spotify. O panel será o venres 26 ás 10:00 e participarán os programas Sofá, manta y crimen, Ana Orellana creadora de La crónica oscura e Jesús Carbón, responsable de partnerships con creadores, medios de comunicación e produtoras de podcasts en Spotify España.
O Celta de Vigo tamén estará presente en Carballo. O segundo panel, que será ás 12.00 horas centrarase na estratexia de comunicación do club galego e do seu impacto no eido dixital. De título, O chío, a Oliveira e as raíces. O impacto da comunicación do Celta de Vigo no sentir da sociedade galega, repasará cos responsables de comunicación as chaves do seu éxito. A mañá rematará cun podcast en directo. O Faiado, programa galego en tendencia gañador do pitching a mellor proxecto dixital en galego (na categoría de canle) da última edición do Interplay, pechará a mañá conversando con convidados moi especiais que se desvelarán proximamente.

O Carballo Interplay completa así a presentación da súa programación de contidos dixitais, a falta de anunciar a Sección Oficial na categoría de series e os finalistas dos diversos premios do certame, como o de Mellor Creador/a e Mellor Canle Dixital en Galego, o único en Galicia que destaca a creadores dixitais de diversas plataformas de contido.
Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo co apoio da Deputación da Coruña e Xunta de Galicia a través de AGADIC.
A Zona Pro do Carballo Interplay explorará o éxito da comunicación dixital do Celta de Vigo
Compartir Este Artigo

