Counterpoint Research, no seu informe Market Pulse Early Look no que analizan das vendas mundiais de smartphones, asegura que o mercado global de smartphones medrou un 3% interanual no primeiro trimestre de 2025. Pero un dos detalles máis interesantes é que Apple, impulsado polo lanzamento do iPhone 16e, conseguiu liderar as vendas trimestrais grazas ao incremento de vendas en mercados como Xapón, India, Oriente Próximo, África e Sueste Asiático. Que a compañía de Cupertino conseguise, cun 19% de cota do mercado, superar a Samsung (18%) é algo realmente sorprendente, xa que normalmente as vendas de Apple só son tan fortes no último trimestre do ano (tras o lanzamento da nova xeración de iPhone), e aínda que o iPhone 16e dese a impresión de ser un dispositivo cun prezo de partida moi elevado, conseguiu revitalizar o mercado.
Samsung, pola súa banda, conseguiu ter boas vendas, pero como os novos S25 chegaron ás tendas cando xa estaba avanzado o trimestre, non conseguiu o pulo dabondo para superar a Apple en vendas.
Counterpoint tamén apunta que Xiaomi (cun 14%) continúa cunha forte traxectoria de vendas, gañando cota de mercado durante os últimos anos grazas á súa apertura a novos mercados e á súa consolidacións como unha marca de calidade (atribuída en boa medida polo seu éxito no mercado dos coches eléctricos).
Vivo e Oppo tamén conseguen consolidar a súa posición cun 8% de cota de mercado cada unha das compañías, mentres que Huawei, Honor e Motorola non conseguen escalar aos primeiros postos de vendas (pese a que Huawei sexa líder na China).
Comentando a dinámica do mercado, o analista principal Ankit Malhotra sinalou: «As vendas en xaneiro foron particularmente fortes, grazas ao impulso da demanda xerado polos subsidios en China. Ese impulso mantívose con lanzamentos clave como o Samsung S25 e o iPhone 16e, pero a tendencia cambiou rapidamente a medida que aumentaban as incertezas económicas e os riscos dunha guerra comercial, especialmente cara ao final do trimestre. Seguimos a analizar os cambios nas políticas e, de momento, prevemos unha caída interanual do mercado en 2025, malia o crecemento no primeiro trimestre.»
O lanzamento do iPhone 16e dispara as vendas de Apple
Compartir Este Artigo

