A feira científica Galiciencia conmemora este ano o seu 20 aniversario. Entre as actividades que se están a programar para celebralo, este sábado 26 de abril celebrarase un espectáculo de ciencia no Auditorio de Ourense, de 11.00 a 12.30 horas. Está dirixido ao público en xeral, en particular a familias e rapazada a partir de 12 anos. É gratuíto ata completar aforo pero cómpre facer unha reserva previa a través da páxina web de Galiciencia.
O espectáculo científico Cerebrum preséntase como un show que “permitirá descubrir os misterios do cerebro, unha experiencia fascinante onde a ciencia e o teatro se fusionarán para explorar o órgano máis complexo do corpo humano, con experimentos en directo”, explicou a organización (Tecnópole), engadindo que para lograr os ditos obxectivos contarase coa colaboración do neurocientífico Casto Rivadulla e do actor apaixonado pola ciencia Vicente Mohedano.


Galiciencia está promovida desde 2006 polo Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia-. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía e Industria e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Situada no Concello ourensán de San Cibrao das Viñas, Tecnópole leva máis de tres décadas impulsando o talento e a innovación a través do seu centenar de empresas tecnolóxicas e os seus centros de I+D. O Parque está comprometido co desenvolvemento sostible, a igualdade de xénero e a divulgación científica.
Galiciencia celebra os seus 20 anos cun espectáculo que fusiona ciencia e teatro: Cerebrum
Compartir Este Artigo
