A Cámara de Comercio de Santiago, a través do Coworking Dixital CCompostela, vai organizar a vindeira semana un novo seminario centrado en transformación tecnolóxica de interese para persoas autónomas e pemes. Trátase da sesión Claves para deseñar un plan de comunicación en redes sociais.
Será o mércores 14 de maio a partir das 16.00 horas, en formato presencial na sede da Cámara no Polígono de Costa Vella (no 40 da rúa República Checa). O obxectivo é “dotar aos asistentes de coñecementos prácticos básicos para aplicar diversas técnicas de mercadotecnia dixital orientadas especificamente a autónomos, pemes e emprendedores”.
Tocaranse os seguintes contidos: definición do target e público obxectivo (en que redes é máis fácil atopalos), o estado de cousas das redes sociais en 2025, os tipos de contidos en redes sociais (promocionais, informativos, contidos de valor para o usuario, contidos internos e externos), a comunicación bidireccional nas redes (o obxectivo é a interacción), a xeración interna de contidos, a aplicación de ferramentas de IA á xestión de redes sociais, as claves dos contidos en vídeo, o humor como gran aliado nas redes sociais, como organizar unha planificación de contidos nas distintas redes sociais, xestión dos comentarios (positivos e negativos) e medición de resultados e monitoraxe de redes sociais.
O relator será Javier Rocamora García, consultor autónomo especializado e con dilatada experiencia en marketing dixital, xestión de redes sociais e comercio electrónico desde 2008, operando baixo a marca comercial As 3 En Punto.
O Coworking CCompostela mostra nunha xornada presencial como crear un plan de comunicación en redes sociais
Compartir Este Artigo

