A empresa coruñesa Cinfo fixo en abril un balance dos fitos acadados pola súa plataforma Tiivii.gal, un balance no que destacan dous grandes datos: por unha banda os 15.000 usuarios rexistrados e pola outra os 1.000 partidos transmitidos xa a través da tecnoloxía, coa que, en palabras de Cinfo, “levamos a emoción do deporte a todos os recunchos de Galicia”.
Cinfo tamén salienta que a través de Tiivii.gal non só se retransmiten partidos, “lideramos un sistema de produción xestionado por Intelixencia Artificial, seguindo de preto deportes como o fútbol, fútbol sala, balonmán, baloncesto, hóckey sobre patíns, voleibol e rugby”.
Tamén indican que a plataforma de streaming permite a calquera usuario acceder vía web, dispositivos móbiles ou descargándose aplicacións para televisión (Samsung, LG, Android TV, Apple TV e Amazon Firestick), á cobertura de máis de 100 campos en toda Galicia cada fin de semana. “Así, aseguramos que a nosa audiencia non perda nin un segundo da acción dos seus equipos locais favoritos e axudamos aos clubs deportivos a xerar novos recursos económicos”, sinalan, engadindo que en datas vindeiras poranse a disposición dos usuarios emisións especiais para cubrir os momentos decisivos das xornadas, onde se definirán ascensos e descensos.
Máis datos sobre Tiivii
Este sistema de emisión de partidos funciona de forma automática e é manexado por Intelixencia Artificial. Grazas á instalación deste sistema, os clubs teñen ao seu alcance unha nova fonte de ingresos ao tempo que dispoñen dunha tecnoloxía que lles permite avanzar en logros deportivos, ao posibilitar a reprodución detallada de cada intre. En concreto, Tiivii posibilita dar unha viraxe á metodoloxía usada ata agora para achegar ao público este tipo de acontecementos, “ao complementar as actividades por medio dun sistema de retransmisión en directo de forma totalmente automatizada e sen necesidade de intervención humana a través do uso de cámaras intelixentes que producen eventos de calidade en cuestión de minutos”, explican fontes de Cinfo, engadindo que o produto inclúe soporte para medios gráficos, locucións, mestura de vídeo e mesa completa de produción na nube reforzada por Intelixencia Artificial, elementos que poderán ser usados en función das necesidades particulares de cada evento.
Cinfo sumou en abril 15.000 usuarios rexistrados en Tiivii.gal e chegou aos 1.000 partidos emitidos
Compartir Este Artigo

