O Álbum de Galicia, colección en liña de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este 14 de maio a entrada de Francisco Xavier Pérez Vázquez (Silleda, 1968 – Santiago de Compostela, 2016).
Foi un músico de rock e pospunk, e compoñente de varias bandas galegas como Los Cables, Os Quinindiolas ou A Banda da Nasa. Compuxo máis de trinta bandas sonoras para compañías como o Centro Dramático Galego, Mofa e Befa ou Trigo Limpo teatro ACERT. Traballou tamén coa compañía Chévere, na que ademais debutou como actor. Na súa madurez vital, adoptou o nome de Narf, co que explorou un enfoque artístico máis persoal e íntimo e comezou a achegarse ás músicas do mundo, o que o levou por países lusófonos e Cuba. Pepe Sendón é o autor da entrada que está dispoñible para consulta no web do CCG, que comeza cun percorrido polos primeiros anos da vida de Fran, un rapaz do Ensanche compostelán, fillo do éxodo rural de finais do século XX que se iniciou na música grazas a unha guitarra que lle trouxeron os Reis Magos (que aprendeu a tocar de xeito autodidacta, principalmente con cancións dos Beatles e composicións propias).
A finais do ano 2016 diagnostícanlle un cancro en estado avanzado. Malia a súa doenza, consegue saír do hospital para dar o que sería o último concerto da súa vida o 23 de outubro de 2016. O 15 de novembro dese ano falece en Santiago de Compostela.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. Na actualidade conta con máis de 780 entradas, das cales as máis recentes son as de Felipe Ramón Cordero Carrete, Celso García de la Riega, José Fernández Vide, Paco Conesa ou Mercedes Mariño.
As biografías do Álbum están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do CCG.
O músico da escena santiaguesa Narf entra no Álbum de Galicia
Compartir Este Artigo

