O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou a Aula CeMIT de Valga (Pontevedra) onde arrancou unha nova edición do curso Finanzas para todos que ofrece o Banco de España en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Trátase dunha iniciativa que xa se levou a cabo en anos anteriores, a través da Rede CeMIT, e que resultou, segundo fixeron saber as dúas entidades, “nun gran éxito de participación”.
O obxectivo é educar á cidadanía e facer algúns conceptos económicos, a priori difíciles de entender, máis accesibles para todos. Ademais, dende AMTEGA faise un esforzo especial “para incluír nestas sesións varios apartados relacionados coa ciberseguridade e a protección de datos”.
Así, os formadores tratan de prever a todos os participantes sobre os principais tipos de ciberestafas e inculcar certos hábitos que os manteñan protexidos na súa relación coas aplicacións bancarias.
Neste sentido, o delegado territorial destacou a importancia deste tipo de iniciativas e lembrou que “hoxe, máis ca nunca, é fundamental saber planificar, aforrar, identificar riscos e protexernos fronte ao fraude ou a ciberdelincuencia”.
Este curso consta de tres sesións, sendo que os seguintes encontros terán lugar os días 11 e 18 deste mes.
Unha vintena de persoas participan no curso Finanzas para todos na Aula CeMIT de Valga
Compartir Este Artigo

