Sonia Lafont, directora da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) achegou este xoves 10 de xullo un balance dos fitos recentes do organismo. No informe faise saber que a axencia foi quen de reducir preto dun 40% (38%) o tempo medio de espera dos contribuíntes, que baixou de case 9 minutos no 2020 a 5,4 minutos no 2024. Nese mesmo período, o tempo de atención aos cidadáns incrementouse un 35%, pasando dos 8,2 minutos no 2020 aos máis de 11 minutos o ano pasado.
Segundo explicou Lafont, “esta mellora nos tempos de atención ao cidadán está vencellada co esforzo levado a cabo pola ATRIGA na mellora dos servizos.” De feito, durante a súa intervención, Sonia Lafont incidiu en que os cidadáns galegos contan con diferentes canles tanto para relacionarse coa ATRIGA como para cumprir coas súas obrigas tributarias: “O cidadán decide como quere ser atendido”, subliñou.
Estas funcións “son multicanle”, préstanse tanto de xeito presencial, como mediante a canle telefónica e a través da páxina web, para permitir que o contribuínte escolla a que lle resulte máis doada.
Seguindo este fío, a directora salientou que ATRIGA atendeu o ano pasado máis de 1,77 millóns de contribuíntes. Deles, preto de 12.000 recibiron atención a través da canle preferente para maiores de 65 anos.
Lafont lembrou ademais que no ano 2024, a ATRIGA seguiu avanzando no obxectivo de facilitar o cumprimento das obrigas tributarias, non só desde o ámbito da información e a asistencia de xeito presencial e telefónico, “senón tamén coa renovación da súa páxina web, para facela máis intuitiva e accesible, mellorando en usabilidade e cunha linguaxe máis sinxela, coa finalidade de contribuír a garantir a prestación dos servizos públicos a todos os galegos e galegas”.
Así mesmo, co obxectivo de ampliar os medios de pago, neste ano 2024 engadiuse a posibilidade de facer os pagamentos dos tributos mediante transferencia.
Ademais, desde marzo do pasado ano, os cidadáns galegos poden pagar os seus impostos, taxas ou ingresos xestionados pola axencia a través da aplicación móbil da ATRIGA, que permite o acceso de forma áxil, sinxela e intuitiva aos seus servizos. Lafont recordou que a aplicación está dispoñible en galego e en castelán e inclúe servizos de acceso libre e outros que requiren acreditar a identificación do usuario. Esta identificación pode realizarse mediante a Chave365, o certificado electrónico ou o eDNI.
Salientou ademais que “o aumento dos medios de pago vénse producindo de forma progresiva e a aplicación móbil vénse a sumar aos que facilitan o pagamento electrónico, como a domiciliación e a transferencia bancaria”. Valorou que os cidadáns poden realizar nas delegacións da ATRIGA antes da súa presentación o pago das autoliquidacións do Imposto de Sucesións e Doazóns, do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) e de vehículos usados por importe de ata 3.000 euros, a través dun Terminal en Punto de Venda (TPV) físico.
Para os pagos de pequeno importe pódense utilizar o TPV virtual e Bizum e no medio rural a través do xiro postal e carteiro rural e o pago a través de caixeiros automáticos.
Sonia Lafont destacou tamén que a Comunidade galega veu incrementada case un 9% (8,9%) a recadación dos impostos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) no ano 2024. Máis do 95% (95,3%) dos contribuíntes galegos cumpren de forma voluntaria as súas obrigas tributarias.
As novidades tecnolóxicas melloraron a atención aos cidadáns da ATRIGA, segundo a súa directora
Compartir Este Artigo

