
Apple TV foi a plataforma máis premiada na 78ª edición dos Emmy, celebrada a pasada noite en Los Ángeles, con 29 galardóns acumulados entre a gala principal e os Creative Arts Emmys. A serie protagonista foi La maldición de Widow’s Bay, que conquistou 14 premios na súa primeira tempada e converteuse na serie de comedia cun maior número de Emmy nunha mesma edición.

A produción levou seis dos premios entregados na gala principal, entre eles o de mellor serie de comedia, ademais dos recoñecementos para Matthew Rhys como actor protagonista, Stephen Root e Kate O’Flynn como secundarios, e Katie Dippold e Hiro Murai polos seus traballos de guión e dirección. Rhys tamén fixo historia ao conseguir dous Emmy como actor protagonista na mesma edición, ao sumar ao premio por La maldición de Widow’s Bay o correspondente a mellor actor nunha serie limitada ou antolóxica por La bestia en mí, de Netflix.

Pluribus engadiu dous premios máis para Apple TV: Rhea Seehorn gañou o Emmy á mellor actriz protagonista de drama e Vince Gilligan fíxose co de mellor guión dunha serie dramática. A plataforma completou a súa colección coa vitoria de Saul Metzstein na dirección de drama por Slow Horses.
O resultado permitiu a Apple TV superar a HBO Max como a rede ou plataforma máis premiada dos Emmy deste ano, confirmando o comentario xeneralizado entre o público de que Apple TV é «a nova HBO» pola súa aposta pola calidade (mentres que a plataforma da Warner leva anos decaendo). Apple sumou 29 galardóns, fronte aos 21 de HBO Max, mentres que Netflix quedou en 16 e Prime Video en 10. A cifra de Apple inclúe os 20 premios obtidos nos Creative Arts Emmys e os nove da gala principal.

HBO Max conseguiu os dous premios de maior relevancia na categoría dramática. The Pitt foi elixida mellor serie de drama e Noah Wyle repetiu como mellor actor protagonista. Hacks proporcionou outro dos momentos destacados da noite, con Jean Smart conseguindo o seu oitavo Emmy e establecendo un novo récord ao gañar por quinta vez consecutiva o premio de mellor actriz protagonista de comedia pola mesma serie.
DTF St. Louis foi a gran vencedora na categoría de series limitadas ou antolóxicas, con premios para a propia produción e para Steven Conrad pola dirección e o guión, ademais dos recoñecementos interpretativos a David Harbour e Linda Cardellini. Sally Field gañou como actriz protagonista nesta categoría por Criaturas Luminosas.

Netflix, pola súa parte, conseguiu tres premios na gala principal. Allison Janney foi recoñecida como actriz secundaria de drama por La Diplomática, mentres que La bestia en mi permitiu a Matthew Rhys completar o seu histórico dobre galardón.

A cerimonia dos Emmy, presentada por Mariska Hargitay, celebrou as producións emitidas entre o 1 de xuño de 2025 e o 31 de maio de 2026. Entre os restantes galardóns destacados estiveron o de mellor programa de competición para The Traitors, o de mellor serie de variedades para The Late Show with Stephen Colbert e o de mellor especial de variedades en directo para o espectáculo da Super Bowl de Bad Bunny.

