
O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBueu) pechou a súa 19ª edición cun balance “especialmente positivo da dimensión internacional acadada este ano, da calidade da programación e da resposta do público”, segundo explicou a organización do festival, salientando que estes éxitos foron aplicables tanto ás seccións competitivas como ás Xornadas Cinematográficas e ás actividades educativas do MiniFIC.
Un dos aspectos máis destacados desta edición foi a presenza en Bueu de cineastas e profesionais chegados de diferentes puntos de Europa, Asia e Norteamérica, que viaxaron ao festival para presentar persoalmente os seus traballos e conversar co público.
Ao longo da Sección Oficial pasaron por Bueu cineastas e profesionais como Gonçalo Pina, Kyrylo Zemlyanyi, Mushi Cai, Hanxiong Bo, Alejandro Egido, Jocelyn Charles, Hao Zhou, Alice Eça Guimarães ou Éric Robidoux, ademais dos representantes do cinema galego e estatal presentes nos diferentes programas.
Especialmente significativa foi a visita do cineasta ucraíno Kyrylo Zemlyanyi, que puido presentar persoalmente Unavailable ante o público de Bueu. Segundo explicou a organización do festival do Morrazo, “a complexidade para facer posible a súa viaxe desde Ucraína converteu a súa presenza nun dos momentos máis especiais desta edición para o equipo do festival”, que destacou “o valor de poder ofrecer ao público a oportunidade de coñecer directamente ao responsable dun filme estreitamente ligado á realidade do conflito”.
Un público implicado como sinal de identidade

A relación entre os cineastas e o público de Bueu foi precisamente outro dos elementos máis valorados polos profesionais que participaron no festival. Desde a dirección do FICBuebu salientaron “os comentarios recibidos por parte dos convidados internacionais sobre un público atento, coñecedor, participativo e disposto a conversar arredor das películas, unha característica que o festival foi consolidando ao longo dos anos”, indicaron, engadindo que “esta implicación estendeuse tamén ás Xornadas Cinematográficas, que nesta edición abordaron os límites éticos, políticos, industriais e culturais do cinema contemporáneo”. Aínda que se trata dun espazo cunha vertente máis profesional e de reflexión, as mesas redondas e clases maxistrais volveron contar coa participación dun público diverso nos debates, reforzando a vontade do FICBUEU de facer do pensamento cinematográfico unha parte central da experiencia do festival.
Unha selección especialmente valorada

A dirección do FICBUEU enxalzou tamén “a calidade da selección cinematográfica, un aspecto que xa situara como unha das fortalezas da edición durante a súa presentación e que foi posteriormente referendado tanto pola resposta do público como polas valoracións dos profesionais convidados”.
A Sección Oficial reuniu 28 curtametraxes distribuídas en seis programas, cunha selección diversa en procedencias, linguaxes e formas cinematográficas. A edición contou ademais cunha maior presenza do cinema documental e da animación, dous formatos que tiveron unha moi boa acollida entre o público e que se fixeron visibles tamén no palmarés.
A animación protagonizou dous dos principais recoñecementos da edición: a francesa Dieu est timide, de Jocelyn Charles, obtivo o Premio FICBueu 2026, mentres que El cuerpo de Cristo, de Bea Lema, foi recoñecida como Mellor Curtametraxe Galega. Pola súa banda, Hasta mañana si Dios quiere, de Alejandro Egido, recibiu o premio á Mellor Curtametraxe Española, e o público escolleu No Skate!, de Guil Sela, como a súa película favorita.
Novas xeracións para o público do FICBueu

Xunto á consolidación do público habitual, outro dos obxectivos nos que o festival leva traballando nos últimos anos foi o “de rexuvenecer as súas audiencias e facilitar que novas xeracións se incorporen á programación cinematográfica”.
Ese traballo tivo unha das súas principais expresións no MiniFIC, que ocupou a última semana do festival. Preto de 1.700 alumnos e alumnas de doce centros educativos da contorna participaron nas proxeccións escolares, cun programa internacional de curtametraxes acompañado de unidades didácticas específicas para continuar o traballo nas aulas. A valoración trasladada polo profesorado foi “especialmente positiva”, segundo salientou a organización do festival, destacando tanto a calidade da selección cinematográfica como o traballo desenvolvido arredor dos materiais educativos.
O Festival Internacional de Cinema de Bueu está organizado pola Asociación FICBueu e conta co financiamento do Concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia (AGADIC) e o Ministerio de Cultura e Deporte (ICAA).

