
Vilagarcía de Arousa xa está lista para celebrar a 54 edición de Curtas Festival do Imaxinario, que arrancou esta fin de semana a súa vertente expositiva con sete mostras que inclúen materiais orixinais do cine fantástico e de terror.
Será unha cita (do 23 de outubro ao 1 de novembro, con entrada de balde) para impulsar a creación local a través dun mercado no que 15 proxectos audiovisuais galegos poderán contactar e buscar financiamento a través de importantes produtoras.
Proxectaranse na fase de concurso 148 obras de 34 países. Nesta edición haberá grandes novidades como as proxeccións sensoriais e interactivas de películas, a reivindicación do cinema de xénero en formato 16.9 ou as sesións azuis adaptadas ás persoas con trastornos do espectro autista.
Ademais, buscará a implicación da cidadanía no desenvolvemento de actividades e compensará a pegada de carbono plantando árbores no parque da Coca.
A extensa programación presentouse o pasado venres na sala Rivas Briones, no medio dunha das exposicións que se poden visitar xa. O Concello, patrocinador principal do certame incluído na marca VGA 365, estivo representado polo alcalde, Alberto Varela, e a concelleira de Cultura, Sonia Outón; e a Deputación por Jorge Cubela. Xunto a eles, Luis Rosales, director do festival, foi o encargado de debullar a intensa axenda do Festival do Imaxinario de Vilagarcía.

Outón salientou a relevancia de que ademais de ser o certame audiovisual decano de Galicia, o Curtas “se teña consolidado como referente absoluto e indiscutible do cine fantástico do noroeste peninsular, e lograse estar presente en citas tan importantes como a Berlinale, Cannes ou Sitges, ademais de colaborar coa Federación Mèliés e de ser festival cualificador para os premios Goya”. E engadiu: “Isto é un logro impresionante, ao que se chegou en tan só dez anos, dende que Luis Rosales nos expuxo o novo proxecto e dende que lle dimos todo o apoio do Concello”.
O alcalde insistiu no crecemento cuantitativo e, sobre todo, cualitativo, do Festival do Imaxinario, destacando a profesionalidade e o traballo realizado por Rosales e a asociación Curtas para “propoñernos cada ano un festival que non deixa de sorprendernos, que atrae a Vilagarcía todas as miradas, que leva o nome da cidade por todo o mundo e que nos pon ao mesmo nivel cultural que o que teñen capitais con dous millóns de habitantes”. Varela engadiu que se trata dun festival feito por xente da casa e que non deixa de pensar nos da casa, “a quen nos ofrece a posibilidade de entrar en mundos máxicos e fantásticos a través de magníficas mostras, de facernos sentir como Batman no seu Batmóbil ou de poñernos ao votante do Coche Fantástico”. Este ano aparcarán en Vilagarcía o Chévrolet Impala que conducían os irmáns Winchester na serie Supenatural e a furgoneta de Scooby Doo.
O rexedor concluíu dicindo que, “como se demostra con este festival, Vilagarcía é un lugar fantástico e co Curtas volveremos a pasalo de medo e a vivir días máxicos”.
Despois de recoñecer o “inmenso apoio” dado polo Concello e de agradecer a colaboración doutros patrocinadores, entre os que hai firmas internacionais, Rosales tamén se referiu ás empresas locais que tamén se implican no Festival do Imaxinario de diferentes xeitos, como o do restaurante Luna di Nápoli, que incluíu na súa carta una PizzaCurtas, o da firma de camisetas Rei Zentolo, ou o do lanzamento da salsa picante do festival Lume Abisal.
A maiores destas iniciativas -sen ánimo de lucro para a organización do certame-, Rosales comentou que se organizarán concursos de decoración de balcóns e de escaparates para que a cidadanía contribúa a crear ambiente e a dinamizar a vila durante a celebración do curtas.
Novidades da edición 2026
- A Noite do Ritual. Nova experiencia interactiva co público na sala, que comeza co 30º aniversario de Scream.
- Samaín Inmersivo. Cea de alta gastronomía (Samaín Arrepiante) inmersa no terror clásico polo 50º aniversario de The Omen (La Profecía).
- Curtas Sensoria. Proxeccións sensoriais para vivir en familia grandes clásicos dos 80 como Dentro do Laberinto (no seu 40 aniversario), A historia interminable e A princesa prometida.
- Curtas VHS Vault. Recreación dun videoclub dos anos 90 como experiencia física e xogo de descubrimento para os asistentes.
Samaín arrepiante e actividades na rúa
- Gran Festa do 31 de outubro. Obradoiro de calacús, ruta de “truco ou trato” polos comercios e un gran Desfile e Concurso de Disfraces que culminará na praza de Galicia.
- Música e Tradición. Actuacións en directo do grupo Coda e a banda folk Zeltia Irevire, complementadas cun Magosto Popular en colaboración con Zona Aberta.
- Implicación Cidadá. Concursos de Escaparates, de Tapas Arrepiantes para hostaleiros e Balcóns de Terror para a veciñanza, vestindo toda Vilagarcía cunha atmosfera fantástica única.
Programa educativo: Fantaescolas
- Visitas ás exposicións. Percorridos adaptados a todas as idades, dende os máis pequenos ata o alumnado universitario.
- Artesanía e as orixes do cinema. Animación didáctica con Cthuliño, proxección de Viaxe á Lúa de Méliès e entrega de material para facer taumatropos e zoótropos na aula.
- Formación cinematográfica (Sondecinema): Curso práctico de 4 horas sobre narrativa, montaxe e historia da sétima arte; e curso de 3 horas sobre cinema fotoquímico (16 mm e 35 mm) aprendendo a cargar unha cámara rusa auténtica.
- Sesión musicada en directo. Proxección escolar de As aventuras do príncipe Achmed (1926) cun concerto didáctico ao vivo pola agrupación Caspervek, fusionando cinema con ritmos africanos e melodías orientais.
Industria, sociedade e medio ambiente
- Curtas Imaxina. O primeiro Mercado de Proxectos de Cinema Fantástico de Galicia, con 15 proxectos seleccionados entre 73 candidaturas.
- Sesións Azuis. Proxeccións familiares matinais integramente adaptadas para persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA).
- A Fraga do Imaxinario. Iniciativa de reforestación e compensación de carbono no parque da Coca con especies autóctonas en homenaxe aos premiados do certame.
Exposicións e convidados
- 8 exposicións inéditas, destacando O Gabinete de Curiosidades en primicia mundial con réplicas orixinais, atrezzo de Star Wars ou Alien en Making Movies, e unha ampla mostra ilustrativa que inclúe a Dariusz Kieliszek por primeira vez en España.
- Convidados de honra. Sergio Stivaletti, Colin Arthur (mestres dos efectos especiais), Chelo Loureiro, Mónica García Massagué, Miguel Ángel Vivas e Laura Pérez, entre outros.

