
O primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica da Coruña, José Manuel Lage Tuñas, participou onte en Barcelona no primeiro consello de goberno da Rede Española de Oficinas do Dato (REOD), impulsada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), coincidindo coa celebración do Smart City Expo World Congress.
Durante este encontro, Lage destacou “a aposta do Goberno municipal da Coruña por avanzar cara a un modelo de planificación urbana que incorpore o uso dos datos e da intelixencia artificial para mellorar a prestación dos servizos públicos, anticipar as necesidades da cidadanía e facer unha xestión máis eficiente dos recursos municipais”.
E engadiu: “A planificación urbana das cidades do futuro debe incorporar a intelixencia artificial como unha ferramenta ao servizo das persoas. Queremos aproveitar os datos e as novas tecnoloxías para anticipármonos aos problemas, mellorar os servizos públicos e tomar decisións que contribúan a mellorar a calidade de vida da cidadanía”.
O concelleiro puxo como exemplo desta estratexia o proxecto europeo ALLOCATE, liderado polo Concello da Coruña e financiado a través da Iniciativa Urbana Europea, cun investimento de 5,5 millóns de euros.
Este programa, que se está a desenvolver, “permitirá aplicar solucións de intelixencia artificial a tres ámbitos concretos da xestión municipal: a mobilidade sostible, a recollida e tratamento de residuos e a atención ás incidencias comunicadas pola cidadanía”, indicou, engadindo que “na Coruña xa estamos traballando para que a IA deixe de ser un concepto teórico e se converta nun instrumento útil para a xestión diaria da cidade. ALLOCATE representa esa maneira de entender a innovación: conectar o coñecemento, as empresas e a Administración para ofrecer mellores servizos públicos”.
A cooperación entre cidades como motor da transformación dixital

Segundo informaron fontes do Concello, a participación da Coruña neste primeiro consello de goberno dá continuidade ao traballo desenvolvido no marco do programa EDINT, impulsado pola FEMP, que o pasado mes de maio realizou na Cidade das TIC (antiga Fábrica de Armas da Coruña) o Edint Data Day Coruña, coa participación da alcaldesa, Inés Rey, tamén vicepresidenta da FEMP.
Lage destacou “a importancia de que os concellos compartan experiencias, coñecemento e ferramentas tecnolóxicas para afrontar desafíos comúns”. Salientou tamén que “as cidades temos que cooperar para aproveitar todas as oportunidades que ofrece a transformación dixital. A innovación non pode ser un fin en si mesma: debe traducirse nunha Administración máis próxima, máis eficaz e con maior capacidade para responder ás necesidades reais dos veciños e veciñas”, afirmou.

