
Comeza a andaina de Portalén por terras galegas, o videoxogo de estilo matamarcianos con toques musicais e, en palabras dos seus desenvolvedores, “cunha ambientación inspirada e arraigada na cultura e lendas galegas”. Esta fin de semana, do 27 ao 29 de novembro, aterra na feira Culturgal cunha demostración exclusiva para o público da feira. Será o primeiro grande evento en Galicia no que probar este xogo producido por Brava e Recuncho Gamer.
O obxectivo do xogo é superar 7 niveis acompañando a María Soliña, que montada na súa vasoira máxica deberá atopar tres obxectos máxicos que lle darán o poder para liberar o seu pobo do sufrimento e da chegada de Noitum, o Señor da Noite. “Todo isto”, informan as produtoras, “nunha carreira contrarreloxo escapando de piratas na ría de Vigo, atravesando montes, fragas, covas ou descubrindo a lendaria cidade somerxida de Antioquía”.
Portalén conta cun estilo artístico de píxel-art, no que aparecen criaturas mitolóxicas galegas que combinarán cunha banda sonora que modernizará con toques electrónicos clásicos como o Negra Sombra ou Eu Chorei. A banda sonora pecharase coa inclusión de cancións de artistas galegos de renome que se anunciarán nas vindeiras semanas.
O xogo xa se pode reservar na plataforma Steam, foi producido por Brava, Recuncho Gamer e conta coa colaboración da Axencia Galega de Industrias Culturais.

